O Concello do Carballiño retoma o proxecto do centro de recepción de visitantes do futuro Museo do Papel de Galicia

O proxecto do futuro Museo do Papel de Galicia segue a cubrir etapas de cara á súa próxima posta en marcha. Unha entrada en funcionamento que está prevista para a próxima primavera.

Na actualidade, os traballos xa comezaron hai máis de dúas semanas, estase a dar continuidade ao proxecto de creación do centro de recepción de visitantes do futuro museo. Nos terreos da antiga fábrica de papel xa se creou no seu día o espazo destinado a acoller o centro e outras dependencias auxiliares das futuras instalacións, como os baños. Nun primeiro momento ergueuse a edificación de nova planta que acollerá o centro e agora estase procedendo a dar continuidade ao proxecto co acondicionamento interior do inmoble.

AVANTAR ACTIVIDADES

O centro de recepción de visitantes complementará o proxecto museístico que está previsto que se acometa nun futuro próximo, ao estar adxudicada polo Concello do Carballiño, que no seu día sacou a licitación a intervención da antiga fábrica de papel do Carballiño.

As dependencias do Museo do Papel de Galicia estarán en funcionamento, segundo as previsións coas que se traballa, na primavera do próximo ano, o 2023. As instalacións da antiga fábrica de papel do Carballiño serán pioneiras no seu xénero, ao non existir un centro expositivo dedicado a esta actividade na comunidade autónoma, e o futuro Museo do Papel de Galicia pasará a estar integrado na Rede de Museos da Xunta de Galicia.