O Psdeg-Psoe reclámalle a Xunta de Galicia que tome medidas “urxentes” para rematar co “abandono” que sofre a torre de Sande e acusa ao PP de “desidia” e “inacción”

Carmen R Dacosta insta a Xunta a que colabore co concello de Cartelle na procura dunha “solución urxente para asegurar a conservación da torre, poñendo todos os medios e recursos ao seu alcance”

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras, salienta que “estamos falando dun elemento clave na historia do noso Concello, motivo polo que subliña “a importancia de que pase a mans públicas”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 1 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense volverá a levar ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas en relación coa torre de Sande, sita no municipio de Cartelle, e que se atopa nun estado de total “abandono” por mor da “desidia” do Partido Popular. “A torre de Sande está en perigo de derrubamento”, reivindican os e as socialistas que instan á Xunta a que tome medidas “urxentes” para protexer este Ben de Interese Cultural que “é unha das maiores xoias arquitectónicas” da súa contorna.

Dende o PSOE volven a insistir novamente en que se fagan todas as xestións “oportunas” para que este BIC pase a dominio público. A deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, insta á Xunta a que colabore co concello de Cartelle na procura dunha “solución urxente para asegurar a conservación da torre, poñendo todos os medios e recursos ao seu alcance”. Neste senso, a parlamentaria socialista tamén lle pide ao goberno galego que “cumpra co artigo 33 da lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galicia e que garanta a protección desta infraestrutura, a través de medidas de colaboración urxentes co concello”.

Rodríguez Dacosta lamenta que o espazo quedase “totalmente abandonado” dende o século XIX, malia ser protexido en 1949 pola lei do patrimonio histórico español e ser declarado Ben de Interese Turístico Nacional. “Atópase en tan mal estado de conservación que mesmo corre perigo a estabilidade da súa estrutura e, non en van, atópase na lista vermella de Patrimonio”, alerta. Tamén pon o foco na adquisición deste ben, coa fin de acreditar a súa titularidade, xa que tal e como sinala que “preocúpanos que non apareza ningún documento da adquisición por parte da familia Reza” e fai fincapé en que as administracións non poden seguir escudándose na titularidade privada do ben para non actuar”, dixo.

Ao fío disto, a deputada socialista destaca que hai máis dunha década, o goberno autonómico decidiu actuar sobre o ben incluíndoo nun plan de actuación da Dirección Xeral de Patrimonio nas fortalezas da Raia Seca. De feito, o goberno de Emilio Pérez Touriño avalou, en 2009, que a torre medieval formaba parte dun plan para “consolidar” e “poñer en valor” as fortalezas e torres militares das comarcas da Limia, Verín e Terra de Celanova, pero coa chegada do Partido Popular á Xunta, subliña Rodríguez Dacosta, o plan de rehabilitación “paralizouse e nada máis se soubo del”.

Ante esta situación e a “inacción” por parte do goberno galego, a parlamentaria socialista presentará unha serie de iniciativas para que se aclare se a consellaría de Cultura “realizou algunha actuación patrimonial para garantir a conservación e protección da torre”, se se realizou algún tipo de seguimento por parte da Xunta do “deber das persoas propietarias da torre”, se actuou o goberno galego como “mediador” na negociación entre o concello de Cartelle e a familia propietaria da Torre de Sande para a “cesión ou posta a disposición do ben a mans públicas”, se comunicaron os propietarios á Xunta “algún dano ou prexuízo que teña sufrido ou que afecte ao seu valor cultural”, e por último, se coñece a Xunta “como foi adquirido este ben pola actual propietaria e se consta no expediente BIC da Torre de Sande esa adquisición”.

O PSdeG-PSOE de Cartelle insiste en que a torre pase a dominio público

Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle insisten, novamente, na necesidade “imperiosa” de que a torre de Sande pase a dominio público de forma “inmediata”, co obxectivo de “proceder a súa rehabilitación para o uso e desfrute da veciñanza e dos turistas que se achegan ó municipio”. Lembran que en febreiro de 2021 presentaron unha moción en sesión plenaria neste senso, que segundo apuntan “foi aprobada por unanimidade da corporación municipal, pero o PP e o alcalde, Jaime Sousa, non moveron un só dedo ata o día de hoxe para que fose posible este cambio de titularidade”.

O voceiro socialista en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, salienta que “estamos falando dun elemento clave na historia do noso Concello, motivo polo que subliña “a importancia de que pase a mans públicas”. O edil socialista fai fincapé en que “dado o seu deterioro, agardamos que se recupere en condicións idóneas e poida servir como referente turístico de Cartelle, xa que estamos seguros que será unha importante fonte de ingresos para o municipio, pola chegada de turistas e que incluso podería xerar postos de traballo de forma directa e indirecta”.

Pereiras Vázquez pide que Xunta e Concello se impliquen na recuperación deste Ben de Interese Cultural e anuncia que “levamos recollidas máis dun milleiro de firmas entre a veciñanza para reivindicar que a torre de Sande pase a dominio público”. O voceiro socialista pídelle ao goberno municipal que “non permaneza de brazos cruzados, namentres unha das nosas xoias arquitectónicas cae a pedazos” e pídelles que “se movan canto antes, porque co paso do tempo as condicións son máis lamentables”.

A Torre de Sande, Ben de Interese Cultural, é unha das maiores xoias arquitectónicas do Concello de Cartelle. Formou parte dunha fortaleza medieval e, aínda que a súa orixe é incerta, hai datos históricos que a datan no século XII, cando o rei Alfonso VII e a raíña Berenguela doan o castelo ao Mosteiro de San Salvador de Celanova.