Ourense acollerá en marzo, co apoio da Deputación, o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Fútbol Sala de categoría cadete e xuvenil masculina

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá na presentación da competición, que se celebrará do 2 ao 5 de marzo no Pazo dos Deportes Paco Paz e o Pavillón dos Remedios

“A Deputación está sempre en disposición de colaborar na planificación e desenvolvemento deste tipo de eventos, estando a nosa capacidade organizativa máis que acreditada”, destacou o titular do goberno provincial

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar resalta os froitos da aposta da Deputación polo ecosistema deportivo ourensán: “Esta cita será o quinto campionato de España acollido por Ourense en apenas un mes, en deportes como o fútbol sala, o remo, o piragüismo, o hockey e o atletismo, ademais da etapa ourensá do Gran Camiño este mesmo fin de semana”

“Esta é unha actividade cun sobresaínte retorno económico”, puxo en valor o presidente da Deputación, que tamén sinalou a vantaxe competitiva proporcionada pola chegada da Alta Velocidade

Ourense, 23 de febreiro de 2023.- A cidade de Ourense acollerá do 2 ao 5 de marzo o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Fútbol Sala nas categorías cadete e xuvenil masculinas, co apoio da Deputación de Ourense e tendo como sedes da competición o Pazo dos Deportes Paco Paz e o Pavillón dos Remedios. 

O torneo foi presentado esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial, contando coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán; e o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea. 

Manuel Baltar sinalou na súa intervención que “para a Deputación, o deporte é unha das palabras que sempre escribimos en maiúsculas no exercicio da nosa acción pública”. “Falando da creación dun ecosistema deportivo que atraia ao turismo”, remarcou o titular do goberno provincial, “esta competición será o quinto campionato de España que se celebre en apenas un mes en Ourense en distintas disciplinas como atletismo, fútbol sala, remo, piragüismo e hockey, ademais desta fin de semana da etapa ourensá de O Gran Camiño”. 

O presidente do goberno provincial reivindicou que “a Deputación está sempre en disposición de colaborar na planificación e desenvolvemento deste tipo de eventos, sendo aliada do Goberno autonómico, das federacións e dos concellos, estando a nosa capacidade organizativa máis que acreditada”. Tamén quixo destacar “a boa sintonía que existe entre as federacións e as administracións e que fan posible que Ourense acolla este tipo de eventos”. 

Manuel Baltar incide no retorno económico do deporte e a vantaxe comparativa do AVE

“Estamos a falar dunha actividade que non só ten un retorno deportivo senón tamén turístico e económico. Desta volta, aqueles que nos visiten desde outras comunidades saben que somos o territorio mellor conectado de Galicia coa Alta Velocidade, un motivo máis para achegarse a Ourense”, concluíu a súa intervención Manuel Baltar. 

Pola súa banda, José Ramón Lete Lasa defendeu “o crecente ecosistema deportivo de Ourense, mais tamén de Galicia, por ser pioneiros en atraer eventos deportivos de gran nivel”. En canto a este torneo, o secretario xeral para o Deporte explicou que “hoxe estamos aquí presentando o futuro do fútbol sala español, cheo de éxitos polo traballo tamén exitoso pasado e presente que se está a facer”. Lete Lasa tamén destacou a fortaleza do deporte base galego e a participación das seleccións galegas nas dúas categorías deste campionato. 

Rafael Louzán salientou na súa intervención que “neste caso as tres administracións están unidas traballando nunha mesma dirección, algo fundamental para traer este tipo de campionatos a Galicia”. “A nosa comunidade é o territorio con maior número de practicantes de fútbol sala de España, e a provincia de Ourense conta cun nivel moi alto en todas as variedades do fútbol, sendo un reflexo da aposta que fan as institucións ourensáns polo deporte”, explicou o presidente da RFGF. 

Por outra banda, Rafael Louzán afirmou que “sen lugar a dúbidas, Ourense está moi ben conectada, o que permitirá atraer un grande número de deportistas e turistas que se aloxarán incluso noutras localidades, o cal repercute moi positivamente na economía desta provincia”. “Quero transmitir a miña satisfacción, este é o camiño que debemos percorrer xuntos, sendo exemplo para o resto de Galicia dunha sincronización que permita lograr políticas deportivas e económicas importantes”, finalizou Rafael Louzán.  

Armando Ojea explicou que “para o Concello de Ourense é un orgullo que un evento deportivo como este teña lugar na nosa cidade, o que fai que se vaia situando no mapa”. Unha competición que, para o tenente de alcalde da cidade, “redunda en beneficio da saúde, da economía e dos valores positivos que transmite o deporte, polo que o Concello sempre estará disposto a colaborar para facer posibles eventos coma este”. 

A competición

O formato de competición é o mesmo para ambas categorías. Ao longo do venres 3 de marzo disputaranse os cuartos de final, alternando os encontros nos dous pavillóns. O sábado 4 de marzo  celebraranse as semifinais e o domingo 5 de marzo, exclusivamente no Paco Paz e en horario matinal, terán lugar ambas finais. As seleccións participantes na categoría cadete son Andalucía, Navarra, Murcia, Baleares, Madrid, Galicia, Cataluña e Castela A Mancha. En canto á categoría xuvenil, os combinados que competirán son Cataluña, País Vasco, Castela A Mancha, Melilla, Andalucía, Galicia, Madrid e Murcia.