Falan as imaxes 6º Certame “As Imaxe do Patrimonio”

Ponte…nas ondas! convoca a sexta edición do Certame “As imaxes do patrimonio”, unha
iniciativa que consiste en que o alumnado dos centros educativos envíe fotografías antigas xunto cun texto explicativo. Como en anos anteriores, contémplase unha categoría de podcasts.
Recuperar fotos antigas que posúen as familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado coa imaxe. Así de sinxela é a proposta que, un ano máis, Ponte…nas Ondas! lanza ás escolas: un certame de fotografías antigas para realizar en familia e onde a xente nova pode coñecer moitos aspectos do patrimonio cultural que se encontra documentado nas fotografías familiares. E é que con estas imaxes accédese a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas polas novas xeracións.
O patrimonio inmaterial é constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares. Está localizado nas prácticas da vida cotiá que son realizadas polo membros da sociedade e que teñen nas familias os núcleos básicos. A cultura inmaterial é aquela que é vivenciada polas persoas portadoras e, como tal, está documentada desde os inicios da fotografía.
As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos. Precísase que a xente máis nova coñeza o seu pasado recente e que sexa quen de interpretalo. Neste labor de transmisión e vivencia das imaxes é necesaria a implicación da familia para axudar a comprender os contextos onde se produciron as expresións culturais documentadas.
Voces para as imaxes
Desde a cuarta edición do certame, o alumnado pode tamén elaborar podcasts sobre as imaxes.
Trátase dun recurso de participación engadido, a través do que o alumnado terá a oportunidade de preguntarlles ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza etc, sobre as instantáneas e o seu contexto.
O Certame pretende que este patrimonio que se encontra depositado nas familias sexa transmitido ás novas xeracións para que teñan un coñecemento das súas orixes e do seu patrimonio. Con estas imaxes terán acceso a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas para eles.
As bases
O certame está dirixido aos centros educativos de Galicia e Portugal. Fóra de concurso poderán participar tamén enviando fotografías persoas e entidades que non pertenzan aos sistemas educativos (o xurado valorará as súas achegas podendo facer mención daquelas imaxes que, ao seu xuízo, sexan salientables).
As categorías contemplan as diferentes etapas dos sistemas educativos de Galicia e Portugal. Unha primeira destinada a Infantil e Primaria, e outra segunda categoría enfocada a alumnado de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. O xurado valorará as imaxes, por esta orde, cos seguintes criterios:
• Que sexa reflexo dunha manifestación do PCI. A fotografía debe mostrar unha tradición ou expresión do Patrimonio reflectindo, ao máximo posible, a súa esencia.
• Que o texto que acompaña e fotografía axude a entender o Patrimonio que se mostra.
• Calidade da proposta visual que teña a propia fotografía.
A entrega dos premios deste 6º Certame terá lugar en novembro de 2023 coincidindo co Día Mundial do Patrimonio.
*Achégase cartaz e díptico coas bases. Dispoñible tamén neste espazo web:
http://escolasnasondas.com/6o-certame-de-recolla-das-imaxes-e-podcasts-do-patrimonioinmaterial-galego-portugues/
Aquí pódense ver as imaxes e os textos dos certames anteriores:
http://pontenasondas.org/v-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/iv-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/iii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-xa-temos-ganadoras/
Vinte e oito anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.
En decembro de 2022 Ponte…nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.
• Info: www.pontenasondas.org
• www.opatrimonio.org
• www.escolasnasondas.com
• www. meninoscantores.com