Ourense é ata o domingo a capital dos camiños xacobeos de Europa co XIII Congreso Internacional de Asociaciones Jacobeas

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta tarde no Liceo de Ourense na recepción oficial aos participantes no encontro “Camiños de Santiago, camiños culturais; unha mirada a Europa”, que se desenvolve ata o domingo co apoio do goberno provincial

Pola mañá, Manuel Baltar recibiu na Sala de Xuntas do Pazo Provincial a unha delegación do congreso

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu tamén no Liceo ao acto de benvida aos congresistas do XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas.

Ourense, 20 de abril de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta tarde no Liceo de Ourense na recepción oficial aos participantes no congreso “Camiños de Santiago, camiños culturais; unha mirada a Europa”, que se celebra ata o domingo 23 de abril organizado pola Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Plata Ourense e o apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. 

Na súa intervención, Manuel Baltar resaltou o nivel da programación deste congreso, que reúne en Ourense a 225 persoas procedentes de 43 asociacións xacobeas de 12 países, e abrangue un programa con 4 mesas redondas, 8 conferencias e 19 ponentes.

O presidente da Deputación incidiu no peso específico da Vía da Plata como eixo de desenvolvemento de territorio, resaltando o “máximo compromiso” do goberno provincial coa potenciación do Camiño de Santiago.  

Manuel Baltar estivo acompañado esta tarde na recepción oficial polo presidente da Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Plata Ourense, José Luis Rodríguez Cid; o presidente da comisión organizadora do congreso, José Antonio Quintas; e Jorge Martínez, presidente da Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago (FEAACS). O acto pechouno a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. 

Recepción no Pazo Provincial 

Pola mañá, Manuel Baltar recibiu na Sala de Xuntas do Pazo Provincial a unha delegación dos participantes no congreso, entre os que se encontraron, ademais do comité organizador, o presidente de FEAACS, Jorge Martínez; Peter Hesseling, en representación de Europa Compostela e presidente da Sociedade Holandesa de San Jacobo; e directivos de FEAACS. 

Programación de mañá, venres 21 de abril

A xornada matinal de mañá celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se desenvolverá o resto deste encontro xacobeo. O acto de apertura contará co presidente da Deputación xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. 

Trala sinatura do acordo “Europa-Compostela”, o programa continuará cunha conferencia inaugural a cargo do escritor Jesús Sánchez Adalid. Antes do almorzo e por videoconferencia, o catedrático de Historia da Arte, Miguel Taín Guzmán, falará sobre a catedral de Santiago, para seguir cunha mesa redonda sobre os novos desafíos na cultura coa participación representantes do estado, da Xunta e da universidade.

A sesión de tarde iniciarase cunha charla do profesor e sacerdote Miguel Ángel González sobre o mosteiro de Oseira no camiño, á que seguirá unha nova mesa redonda que abordará a tradicional acollida no camiño coa participación de hospitaleiros. O escritor Fernando Santos Urbaneja porá fin a esta primeira xornada cunha conferencia sobre as raíces de Europa.

As asociacións xacobeas no mundo

O sábado, día 22, intervirá en primeiro lugar a doutora e catedrática en Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, María Teresa Carballeira, para falar do dereito, os itinerarios culturais e o Camiño de Santiago. Os camiños en Europa centrarán a mesa redonda que se celebrará a continuación con representantes de asociacións e do Xacobeo 21-22. Xa pola tarde, o director de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, exporá o Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027. O historiador e escritor, Francisco Singu, falará despois dos renacementos no camiño compostelán, para continuar cunha mesa redonda sobre as asociacións no mundo con representantes españoles, americanos, de Países Baixos e Alemaña.

O congreso rematará o domingo cunha conferencia do presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Manuel Castiñeiras, que analizará os símbolos da peregrinación xacobea, e á que seguirá o acto de clausura. Os congresistas asistirán finalmente a unha misa solemne na Catedral, presidida polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos, coa actuación da Coral de Ruada.

No programa figuran ademais tres visitas a outros tantos puntos da provincia como a Ribeira Sacra, incluído o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e unha viaxe no catamarán, e ás vilas de Allariz e Celanova.

Cita trienal coa tradición xacobea

A Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago celebra desde 1987 e con carácter trienal este congreso internacional no que veteranos peregrinos e investigadores intercambian experiencias e coñecementos relacionados coa tradición xacobea.

Organizado pola Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe-Vía da Plata, nesta ocasión a cita procura poñer en valor o Roteiro Xacobeo, declarado en 1987 “Primeiro Itinerario Cultural europeo”, elixindo Ourense como sede “pola súa monumentalidade, historia, patrimonio, comunicacións, cooperación das institución e por ser cidade peregrina e de xenerosa hospitalidade”.