O flime ‘+Cuñados’ ródase en Ourense co apoio da Xunta a través das axudas á producción audiovisual

A produtora Portocabo acaba de iniciar en Ourense a rodaxe de +Cuñados, secuela da que foi a súa primeira longametraxe cinematográfica e coa que agarda repetir o seu éxito de público. Ao igual que nesa primeira entrega, a Xunta contribúe á realización deste filme cunha achega de máis de 255.000 euros como un dos 14 títulos subvencionados a través da convocatoria de axudas á produción e coprodución audiovisual de 2022.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén participou este mediodía na presentación do inicio dos traballos de filmación, que se desenvolverá en Galicia durante cinco semanas, cunha especial presenza da comarca do Ribeiro e da cidade de Ourense. Participaron, así mesmo, os representantes do resto de entidades colaboradoras e do propio equipo de +Cuñados, que dirixe Luis Avilés e volve contar con Alfonso Blanco na produción executiva e cos actores Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey como trío protagonista.

AVANTAR ACTIVIDADES

Valor engadido para Galicia

Para Gabriel Alén, esta secuela conta con moita das claves de Cuñados, que pese a chegar aos cinemas nuns momentos aínda complicados pola pandemia, en abril de 2021 puido verse en ata en 120 salas de toda España, converténdose na estrea máis ampla na historia do cine galego. Subliñou, así mesmo, o valor engadido que esta rodaxe supón para a difusión da imaxe de Galicia e da nosa industria audiovisual, con máis de 100 profesionais involucrados tanto no equipo técnico como no artístico, e o seu impacto económico, cun investimento na nosa Comunidade que a produtora sitúa en preto dun millón de euros.

O delegado territorial referiuse tamén á transmisión da idiosincrasia galega e da nosa especial maneira de facer humor como outra das principais características da película, “moito máis intanxible, pero factor clave na súa conexión co público”. Nas súas palabras, este novo título volve demostrar a capacidade da produción audiovisual galega á hora de “facer grandes comedias familiares, facelas en galego e rodadas integramente en Galicia e con equipos e elencos de aquí”.

A trama desta secuela, con guión de Araceli Gonda, terá como escenario a celebración do Entroido ourensán, durante o que os cuñados veranse envoltos nun novo enredo. Ademais do devandito trío, repiten no elenco Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal.

A longametraxe conta co patrocinio da Deputación de Ourense, a participación de Movistar Plus+, TVG e RTVE, así como coa implicación de Movistar Plus + Internacional para a súa distribución internacional.