O BNG aposta por construir un Ourense verde, sostible e que lidere iniciativas de loita contra o cambio climático e a descarbonización

Desde a formación nacionalista abogan pola implementación de medidas que favorezan a loita contra o cambio climático e a descarbonización, pola recuperación integral dos catro ríos que atravesan o termo municipal e pola renaturalización dos espazos públicos

Ourense, 18 de maio de 2023. Un dos cinco piares nos que o BNG de Ourense asenta o seu proxecto transformador para o Concello é, o que viñeron en denominar “Ourense, Concello verde e sostible”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A partires desa premisa e tal e como avanza o seu candidato Luís Seara, “queremos un Concello que loite activamente contra o cambio climático e a descarbonización polo que cómpre implementar medidas de pacifcación do tráfico, potenciar e mellorar os sistemas de transporte alternativo e favorecer o tránsito peonil polas nosas rúas”.

A creación dunha oficina técnica que desenvolva todas as medidas contidas no PMUS é outra das pezas chave, segundo o BNG, “para poder executar todos estes proxectos”.

Luís Seara non esquece tampouco a situación na que se atopan actualmente os catro ríos que atravesan o termo municipal, algún deles mesmo polo corazón turístico da mesmo como é o Barbaña e que se atopa “nun estado lamentable”. Para Seara “é preciso deixar de darlle as costas aos nosos ríos. Hai que sanealos, limpalos e integralos na trama urbana aproveitando todas as súas potencialidades, convertíndoos en espazos referenciais para a flora, a fauna mais tamén para toda a veciñanza”.

Outro dos eixos programáticos dos nacionalistas ten que ver coa conservación e potenciación da masa arbórea. “Cómpre a elaboración dun catálogo da masa arborea do Concello para coñecer o estado de cada un dos exempleares, facerlles un seguimento e deseñar as intervencións a levar a cabo. Non se trata simplemente de prantar árbores, cómpre coidalas e protexelas pois son un elemento fundamental para a renaturalización de Ourense, algo que se está a facer no resto do mundo e que desde o BNG queremos facer aquí”.