O Psdeg-Psoe presenta en Barbadás un proxecto socialista “centrado nas persoas e con ideas progresistas que loitarán para mellorar a calidade de vida”

Valcárcel destacou que o PSOE conta cunha “candidatura con persoas altamente preparadas que representarán con enorme orgullo a todos os veciños e veciñas e que teñen unha enorme calidade humana”

Victoria Morenza e Margarita Pérez salientan a importancia de contar con todas as persoas que viven en Barbadás, coas súas ideas, iniciativas, suxestións e tamén coas súas críticas

AVANTAR ACTIVIDADES

Barbadás, 18 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de presentar en Barbadás un proxecto “centrado nas persoas e con ideas progresistas, que loitará para mellorar a calidade de vida”, o que permitirá que este concello, un dos máis poboados e dinámicos económica e demográficamente da provincia, continúe a ter un goberno sólido e de futuro para seguir avanzando. Nun abarrotado acto que tivo lugar na Casa da Cultura da Valenzá, participaron o actual alcalde e candidato á reelección, Xosé Carlos Valcárcel; a concelleira e número dous, Victoria Morenza; e a concelleira e número tres, Margarita Pérez.

Xosé Carlos Valcárcel destacou que o PSdeG-PSOE conta cunha “candidatura con persoas altamente preparadas que representarán con enorme orgullo a todos os veciños e veciñas e que teñen unha enorme calidade humana”, polo que “loitarán para mellorar a calidade de vida de todos e todas”. “Hoxe é o momento de mirar ao futuro, de falar do futuro, un futuro que xuntos construiremos” proclamou o rexedor antes de sinalar que “aposta por ‘Máis Barbadás!’. E, por iso, anunciou que quere comezar esta nova etapa “facendo o que sempre fixo”, é dicir, “escoitando á veciñanza”.

Valcárcel salientou que “pensar nas persoas é o motivo dun dos grandes logros” do seu goberno socialista, o que permitiu non subir os impostos durante os oito anos que acumula como alcalde. “E aínda así fixemos moito máis porque xestionamos mellor”, remachou antes de recordar que “por iso somos un dos concellos que máis medra de Galicia”.

O candidato do PSdeG-PSOE mencionou a colaboración coa Zona Franca de Vigo para crear un polígono de 55 hectáreas que permitirá “atraer empresas centradas nas novas tecnoloxías e na loxística”. Igualmente salientou o proxecto ‘Aula Mentor’, unha iniciativa única na provincia, que conta cunha unidade de orientación profesional que ofrecerá itinerarios individuais e cursos homologados. Tamén se comprometeu a crear unha oficina de rehabilitación e recuperación para a vivenda.

No ámbito da seguridade puxo o foco na creación dun posto da Garda Civil no municipio, que contará con todos os servizos que actualmente se atopan en Ourense. Valcárcel insistiu na importancia de que “o comercio local medre máis” e por iso quere seguir potenciando eventos como ‘Barbadás a Bocados’; ‘Barbadás Outlet’ e o ‘Concurso de escaparates’. Así mesmo, a candidatura seguirá apostando por un acceso gratuito ás actividades culturais.

No ámbito do deporte e da mocidade destacou a ampliación do polideportivo cun investimento de 1 millón; a obra dunha pista multideporte e un circuíto de calistenia e a creación dunha zona de xogos de auga nas piscinas municipais.

“Queremos asegurarnos de que ninguén quede atrás” dixo o rexedor ante o que anunciou a “optimización do Servizo de Axuda no Fogar para chegar a máis persoas”. Tamén destacou que son o único concello galego que proporciona unha axuda de 400 euros anuais a todas as persoas celíacas ou con intolerancia á lactosa e que ampliarán as axudas directas para material escolar e didáctico.

Pola súa banda, Victoria Morenza, número dous da candidatura e actual edil de Obras, Infraestruturas e Urbanismo, manifesta que queren seguir traballando “nun concello cheo de actividades para a infancia, a mocidade e as persoas maiores”, polo que queren “mellorar o medio ambiente, a eficiencia enerxética e as infraestruturas” de todas as localidades do municipio. “O máis importante para nós e contar con todas as persoas que viven en Barbadás, coas súas ideas, iniciativas, suxestións e tamén coas súas críticas”, asegurou.

Marga Pérez, número tres e actual concelleira de Cultura, Educación e Comercio e deputada provincial, afirma estar “moi ilusionada” e con “moitas ganas de seguir traballando en novos proxectos” para “seguir dinamizando a actividade cultural” do municipio; para afondar en proxectos relacionados “coa infancia e a educación dos nenos e nenas”, así como en iniciativas para “seguir a axudar ao comercio local e a todas as persoas que escollan Barbadás para comezar a súa actividade profesional”. “Para levar a cabo estes proxectos, precisamos do apoio e da confianza de todos e todas”, insistiu.