O BNG aposta pola recuperación e posta en valor das principais zonas verdes e parques do Concello así como pola renaturalización do espazo público

Para a formación nacionalista será unha prioridade no vindeiro mandato a recuperación integral e posta en valor do Xardín do Posío, do Parque Barbaña e do Parque Miño entre outros, como lugares de encontro, de lecer e de esparcemento

Ourense, 21 de maio de 2023. A lamentable situación na que se atopan na actualidades as principais zonas verdes e parques do Concello debido á desidia do actual Goberno Local fai que para o BNG a súa recuperación integral e posta en valor sexa unha prioridade de cara o próximo mandato.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tal e como manifesta o candidato Luís Seara, “dentro no que nos concibimos como o Ourense verde e sostible, a posta en valor dos nosos parques e xardíns como lugares de encontro veciñal e para o lecer e o esparcemento é unha prioridade”.

Seara apunta á necesidade de “incrementar considerablemente os esforzos no que o mantementos das zonas verdes, parques e xardíns se refire” ao tempo que incide “na imperiosa necesidade de incrementar a masa arbórea que temos ao longo de todo o Concello, e de coidala axeitadamente pois é un dos elementos fundamentais de loita contra o cambio climático e a descarbonización”.

Outro dos obxectivos da formación nacionalista nos próximos catro anos será a de renaturalizar os espazos do Concello, “algo que se está impondo no conxunto das cidades de todo o mundo e que a propia veciñanza comeza a demandar. Precisamos espazos públicos amables, vivibles e saudables e desde logo que o Goberno Local non pode pórse de perfil e ten que tomar a iniciativa”.