O BNG levará á Fiscalía as últimas informacións xurdidas en torno ao Presidente da Deputación e o seu entorno

Luís Seara sinala que “sinto unha profunda indignación e carraxe ao ver como cada día a nosa provincia e o noso Concello aparecen nos medios de comunicación relacionados con casos de corrupción”

Ourense, 20 de maio de 2023. A que debera ser unha xornada de reflexión antes da cita electoral de mañá, viuse alterada pola aparición nun medio de comunicación dunha serie de informacións relacionadas con presuntas prácticas corruptas que afectan ao Presidente da Deputación José Manuel Baltar e ao seu entorno.

AVANTAR ACTIVIDADES

Luís Seara, candidato á alcaldía polo BNG, manifestaba esta mañá ás portas da Praza Abastos nº 1, a onde acudiu como cada sábado a realizar unha serie de compras que “o que tiña que ser unha xornada de reflexión, convírtese no enésimo caso de corrupción que salpica a Ourense, neste caso á Deputación Provincial”.

Ante estas novas informacións, Seara asegura sentir “unha profunda indignación e carraxe ao ver como cada día a nosa provincia e o noso Concello aparecen nos mediosde comunicación relacionados con casos de corrupción e que neste caso afectan á familia Baltar”.

Luís Seara sinala que “é moi importante que o día 28 a xente vaia votar e aposte pola rexeneración política xa que o 28 non soamente se examinan as candidatas e candidatos que concorrermos ás eleccións senón que tamén nos examinamos como sociedade, unha sociedade madura, crítica e que ten que ser intolerante coa corrupción”.

O candidato polo BNG avanzou que a partir do luns levarán todo o que está xurdindo hoxe á Fiscalía “para que actúe e o faga con celeridade pois neste caso tamén está en xogo o crédito da propia xustiza”.