PP de Castro Caldelas: “A repetición electoral confirma as nosas sospeitas sobre as graves irregularidades detectadas no voto por correo”

  • O líder popular neste concello e candidato á Alcaldía, César Enríquez “Cachín”, sinala que “a repetición das eleccións non é agradable nin beneficiosa para ninguén, pero creo que se fai xustiza. Porque este tipo de procedementos non encaixan nunha democracia coma a nosa”
  • “Non queremos molestar á veciñanza con esta repetición electoral”, destaca Cachín, “pero é moi importante que todo o mundo vote nas novas eleccións. Xa sexa en persoa ou solicitando o voto por correo, un sistema no que por suposto, máis aló dese problema puntual temos a completa confianza”
  • O candidato popular remarca a importancia de construír un novo tempo para Castro Caldelas: “Esta repetición electoral debe ser o epílogo dun ciclo político que xa está esgotado. Chegou o momento de abrir unha nova etapa e impulsar esta vila a través do proxecto do PPdeOU”

15, xuño, 2023. O líder popular en Castro Caldelas e candidato á Alcaldía, César Enríquez “Cachín”, define a repetición das eleccións municipais neste concello, resolta no día de onte pola Xunta Electoral Central, coma a “confirmación das graves irregularidades detectadas na tramitación do voto por correo”. 

“O que vimos durante a pasada campaña foi un cúmulo de irregularidades nos procedementos de emisión e recollida do voto por correo”, reitera Cachín, que lembra como despois, cando “os traballadores de Correos entregaban a solicitude (do voto por correo), atopaban persoas con alzhéimer ou que nin sequera residían onde supostamente pediran o voto”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Foi Correos, recorda Cachín, quen primeiro puxo en coñecemento da Xunta Electoral de Zona (XEZ) da Pobra de Trives estas incidencias na tramitación do voto por correo. A XEZ remitiu as actuacións denunciadas ao Xulgado de Primeira Instancia da Pobra de Trives para a incoación das correspondentes dilixencias por un presunto delito electoral, tamén denunciado polo Partido Popular. “E agora, ao final de todo este proceso a Xunta Electoral Central declara nulas as eleccións e ordena repetilas”. 

“O único que fixo aquí o Partido Popular foi intentar garantir que todos os veciños de Castro Caldelas puideran votar dunha forma honesta, legal e transparente. Algo que nós sospeitábamos que non se puidera facer, e que agora queda acreditado por esta resolución da Xunta Electoral Central”, valora Cachín. 

“Esta repetición electoral non é agradable, pero creo que se fai xustiza”

“A repetición das eleccións non é agradable nin beneficiosa para ninguén, pero sinceramente creo que se fai xustiza. Porque este tipo de comportamentos non encaixan nunha democracia coma a nosa”, resalta o candidato popular. 

“Non queremos molestar á veciñanza ao volver ás urnas, destaca Cachín, “pero sen dúbida é moi importante que todo o mundo vote nestas novas eleccións. Xa sexa en persoa ou solicitando o voto por correo, un sistema no que temos a completa confianza. Porque un problema puntual non é nada máis que eso. O noso sistema electoral é un dos mellores de todo o mundo”. 

O candidato popular remarca a importancia de construír un novo tempo para Castro Caldelas: “Esta repetición electoral debe ser o epílogo dun ciclo político que xa está esgotado. Chegou o momento de abrir unha nova etapa e impulsar esta vila a través do proxecto do PPdeOU”. 

Saúdos