A Xunta pon en valor a colaboración cos concellos en materia de prevención de incendios

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou o concello ourensán de Ribadavia para supervisar os traballos de xestión da biomasa e mantemento de infraestruturas que se están a levar a cabo con maquinaria proporcionada polo Goberno galego. Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado por César Fernández, alcalde desta localidade.

Así, o titular de Medio Rural salientou a importancia destes labores, que cualificou de esenciais para avanzar na loita contra os lumes. Con todo, González recordou o convenio de protección das aldeas asinado pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais co obxectivo de establecer un sistema público de xestión da biomasa.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este convenio, que conta con 282 concellos adheridos -entre eles, Ribadavia-, ten un orzamento de 12 millóns de euros destinados non só á xestión da biomasa, senón tamén a outras actuacións que teñen como obxectivo a protección das aldeas galegas contra o lume. Inclúense intervencións como a elaboración de instrumentos de planificación, a revisión do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa ou iniciativas de mobilización de terras como as aldeas modelo. Grazas a este convenio, Ribadavia e outros 52 concellos de toda Galicia puideron contar con maquinaria específica -neste caso, cun tractor- para desenvolver este tipo de labores.

Tamén en materia de xestión da biomasa mediante maquinaria, cómpre destacar os convenios asinados con 13 concellos da provincia de Ourense, en colaboración coa Deputación, para a adquisición de tractores que puideran realizar eses traballos de prevención.

Todas estas actuacións sitúanse no contexto do Plan preventivo de lumes da Xunta, que á súa vez se enmarca no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga). A planificación preventiva contempla actuar ata o vindeiro ano nunhas 60.000 hectáreas de terreo, 5.600 km de pistas forestais e en case 4.840 puntos de auga. Trátase de actuacións ás que se destina un orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17% de aumento con respecto ao ano 2022.