O goberno local e o PP acordan unha serie de melloras en varios ámbitos

No anterior pleno municipal o equipo de goberno adquiriu o compromiso de incrementar en sesenta mil euros as axudas a libros e material escolar e melloras no conservatorio e no servizo de conciliación Bó día familia. Así, durante as últimas semanas, un grupo de traballo conformado polo Partido Socialista e o Partido Popular chegou a un acordo para unha serie de melloras para a veciñanza. Unha das medidas será a ampliación da cobertura e da contía na axuda para libros de texto e material escolar para o alumnado de infantil ( 3, 4 e 5 anos) do Carballiño. Así, se estableceron dous novos tramos, o primeiro contará cunha axuda de 120 euros para as familias cunha renda per cápita de ata 7.000 euros, fronte ó único tramo que existía que era ata 6.000 euros per cápita e de 100 euros por solicitante.  Asemade, se creou un novo tramo para aquelas rendas per cápita que se sitúan entre os 7.000 e os 9.000 euros que contarán con 100 euros. Ademais, ambos grupos tamén anuncian que para o vindeiro curso as axudas serán exclusivamente para as compras no comercio local, co fin de evitar posibles conflitos neste ano.

A maiores, a veciñanza tamén contará cunha novidade importante, como é unha axuda para material escolar por valor de 60 euros para aquelas familias con estudantes nos cursos de primaria e secundaria e empadroadas no Carballiño con rendas inferiores a 7.000 euros per cápita, e de 50 euros para aquelas que se atopen comprendidas no tramo entre os 7.000 e os 9.000 euros per cápita. A medida supón un apoio importante para as familias para afrontar os gastos de material escolar, pois nestas idades xa existen axudas para libros de texto por parte doutras administracións.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre as melloras acordadas,varias afectan ó servizo do conservatorio, desta maneira aumentará o número de horas do profesor de guitarra dentro do máximo que permite a lei, a contratación dun novo profesor de violín e unha serie de melloras no centro, cun convenio co que se está a traballar ca Deputación Provincial de Ourense.

Outra das medidas será a ampliación do servizo de conciliación Bo Día Familia, que pasará a prestarse ata as 19h, como medida de reforzo e co fin de coñecer a posible demanda cara outra ampliación no caso de ser necesaria.