O delegado territorial da Xunta supervisa o estado das obras de humanización no núcleo rural de moreiras, en Toén

  • Esta actuación é froito dun acordo de cooperación subscrito entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o concello, que supuxo un investimento total de máis de 327.400 euros, dos que o 70% foi unha achega Goberno galego
  • Gabriel Alén explicou que estas obras lévanse a cabo ao abeiro do Plan hUrbe, que se puxo en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia para redundar directamente no benestar dos cidadáns na mellora da calidade de vida

Ourense, 04 de setembro de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, da man do alcalde, Ricardo González, o estado das obras de humanización e mellora da accesibilidade no núcleo rural de Moreiras, no  concello de Toén, nas que, grazas a un acordo de cooperación subscrito entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o ente municipal, se está a investir máis de 327.400 euros, dos que o 70% foi unha achega do Goberno galego.

Previa á visita, o delegado territorial mantivo un encontro co rexedor na Casa do Concello, onde analizou as principais demandas do municipio en relación á Administración autonómica. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos grandes proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras

As actuacións que se desenvolven consisten na urbanización dunha parcela para dotar o lugar dun parque, poñendo en valor elementos preexistentes como minas de auga, un lavadoiro e os muros de pedra. Amais, trabállase tamén na creación de prazas de aparcamento e a ampliación da vía para darlle unha solución ao desnivel existente entre ambas zonas con ramplas accesibles e escaleiras. Tamén se está a executar unha senda peonil que contempla a recuperación da vexetación e árbores existentes coa plantación doutros autóctonos.

O delegado territorial explicou que estas obras lévanse a cabo ao abeiro do Plan hUrbe, que se puxo en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia para redundar directamente no benestar dos cidadáns na mellora da calidade de vida.

Gabriel Alén tamén lembrou que se trata dun exemplo dos beneficios que aporta a colaboración permanente e sólida coas entidades locais, e recordou que a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local para acometer este tipo de obras, orientadas a frear o despoboamento, potenciando as  infraestruturas, servizos e equipamentos.