Luis Menor pon en valor a lección de “xenerosidade e solidariedade” dos voluntarios de Cruz Vermella

O presidente da Deputación de Ourense participou no XXIII Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, onde ratificou o compromiso da institución provincial con este organismo, “cooperando desde sempre e como así seguirá sendo” 

Ourense, 9 de setembro de 2023.- O Teatro Principal acolleu esta mañá o XXIII Encontro de Voluntariado de Cruz Vermella en Galicia, no que 35 persoas recibiron as medallas de prata e bronce e un diploma de recoñecemento á súa colaboración con esta entidade social de referencia nacional e internacional. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación, Luis Menor, participou no acto, adiado durante varios anos por mor da pandemia, e aproveitou para dar os parabéns a todas as persoas homenaxeadas, que “dannos unha lección de xenerosidade e solidariedade que, hoxe, ten o seu merecido recoñecemento”. 

Luis Menor fixo un repaso á historia da Cruz Vermella en Ourense, moi vencellada á da Deputación, tanto así que esta entidade social foi fundada o 21 de outubro de 1893 no salón de plenos da institución provincial e ocupou locais cedidos pola Deputación ata 1996, data do seu traslado á sede actual. O presidente ratificou o compromiso da institución provincial con este organismo, “cooperando desde sempre e como así seguirá sendo”. 

Repasou tamén o traballo desenvolvido por ambas institucións, “con moitos puntos en común” como a intervención social en favor das persoas e colectivos máis desfavorecidos”. Neste sentido citou os programas e servizos dirixidos aos concellos de menos de 20.000 habitantes baixo o principio da cooperación, entre eles o BenOurense Infancia, o Servizo de Axuda no Fogar, a Teleasistencia 24 horas ou o Plan provincial contra a Soidade non desexada. 

Por último, o presidente da Deputación quixo expresar o seu sincero agradecemento aos voluntarios polo seu traballo, aos que asegurou máxima colaboración desde a institución provincial e dos que dixo “sodes imprescindibles”