A Deputación inicia o proceso de constitución das seis novas comisións informativas

A Deputación de Ourense iniciou esta tarde a constitución das novas comisións informativas que, como órgano consultivo, terán entre as súas funcións ditaminar os asuntos que serán tratados nos plenos ordinarios de cada mes. Tal e como se aprobou no pleno de organización do pasado agosto, no mandato 2023-2027 a Deputación de Ourense terá seis comisión informativas que se reunirán na semana anterior á convocatoria dos plenos, sempre os mércores e xoves.

Esta tarde celebraron a súa primeira sesión as comisións de Administración provincial, Transparencia e Emerxencias; Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos; e Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural. Mañá xoves será a quenda das outras tres comisións: Políticas Sociais; Turismo, Termalismo e Medio Ambiente; e Cultura, Educación, Deportes e Mocidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cada unha destas comisións estará integrada por catorce membros, dos que 6 son representantes do PP; 4 do PSOE; 2 do BNG; e outros 2 de Democracia Ourensana. O presidente da Deputación, Luis Menor, preside todas elas.

As convocatorias tamén facilitarán, á súa vez, a elaboración da orde do día do pleno ordinario de cada mes, que decidirá a xunta de portavoces dos distintos grupos políticos na convocatoria do luns seguinte, esta vez o día 25.

Ademais das mocións rexistradas polo grupos provinciais, a comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural de hoxe abordou a modificación das bases reguladoras do programa BenOurense para o servizo de axuda no fogar básico no presente ano, así como un convenio de colaboración polo que a Deputación porá a disposición dos concellos de menos de 20.000 habitantes o software necesario para establecer unha canle que protexa ás persoas que denuncian infraccións normativas e a loita contra a corrupción. A orde do día incluíu a regularización e ampliación da cesión dos terreos que ocupa o aeródromo de Antela á Xunta de Galicia para o servizo contra incendios,

Mañá xoves, a comisión Especial de Contas, Facenda e Recursos Humanos verá un expediente de modificación do orzamento da Deputación, onde figura o cambio de finalidade de dez subvencións sen que este trámite supoña cambio cuantitativo algún. Entre tanto, a comisión de  Turismo, Termalismo e Medio Ambiente verá un convenio que delega na Deputación as funcións municipais en materia de policía medioambiental de vertidos ás redes de saneamento e depuración nos concellos de Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.