O BNG solicita á Xunta medidas que contribúan a que as e os profesionais que rematan o MIR en Ourense continúen a súa carreira profesional nesta Área Sanitaria

Desde hai anos os Colexios profesionais, as organizacións sindicais e diferentes asociacións para a defensa dos dereitos dos pacientes e da sanidade pública veñen denunciando o constante deterioro da sanidade pública en xeral e da atención primaria en particular.

O deputado por Ourense do BNG Iago Tabarés, lembra que “hai uns meses a Presidenta do Colexio de Médicos de Ourense denunciaba o deterioro da atención primaria, recoñecendo que a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria que ten que ser o motor da sanidade pública non estaba coidada e potenciada como debera”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tabarés denuncia que “os profesionais de atención primaria veñen padecendo unha extraordinaria carga asistencial con axendas elevadísimas que deben compaxinar cunha carga burocrática crecente, polo que é o compromiso e adicación das profesionais o que mantén un sistema que a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense non quere ou non sabe xestionar”.

Desde o BNG fan mención á situación na que se atopan numerosos Centros de Saúde e PACs de Ourense “que carecen dos necesarios especialistas en Medicina Familiar, ao que hai que engadir que segundo as previsións do propio Colexio Profesional de Ourense, no próximo lustro producirase a xubilación, na provincia, de cando menos 90 especialistas”.

Iago Tabarés ten claro que “a previsión das necesidades de facultativos desta especialidade tan esencial para o funcionamento do sistema sanitario, máxime nunha provincia envellecida como a de Ourense, esixe da planificación e organización das medidas necesarias para a provisión dos postos de traballo actualmente vacantes e do obrigado relevo xeracional”.

O pasado mes de novembro, o Xerente da Área Sanitaria de Ourense imputaba ao “déficit de especialistas” á falla de cobertura das numerosas vacantes existentes nos distintos Centros de Saúde e PACs da provincia de Ourense. Porén, a realidade “é que no último ano menos dun 30% dos e das médicas que remataron en Ourense a súa especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria ficaron na atención primaria nesta Área Sanitaria. Asemade, a oferta de prazas MIR, que viña sendo entre 12 e 14 todos os anos, cubríanse na súa totalidade, porén este ano aínda fican 13 sen cobertura”.

No BNG cuestionan a capacidade da dirección do SERGAS para, segundo Iago Tabarés, “xestionar os cadros de persoal necesarios para a atención sanitaria que a cidadanía de Ourense precisa”. Situación dada, tal e como afirma o propio Tabarés, “polas condicións laborais e asistenciais que se lle ofrecen ás profesionais, con ofertas laborais precarias e de curta duración, así como unha carga asistencial superior ao límite máximo de referencia marcado pola OMS”.

Desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo solicítanlle á Xunta de Galiza “coñecer cales son as medidas que o SERGAS ten previsto aplicar para conseguir que as e os profesionais que rematan o MIR en Ourense permanezan e desenvolvan a súa carreira profesional na atención primaria desta Área Sanitaria”.