A 7ª edición de Antiq Auria reúne en Expourense a 45 expositores de 4 países

Expourense acolle esta fin de semana a sétima edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, que reunirá a 45 expositores de 4 países (España, Portugal, Suíza e Francia). É un ano máis un acto organizado pola Asociación “Memoria Antiga” de Ourense coa colaboración do recinto feiral de Ourense. O horario de apertura será o venres 6 de outubro, de 16:00 a 21:00 horas; o sábado día 7 de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 h. e o domingo día 8 de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. A entrada custa 3 euros e é gratuíta para os menores de 12 anos.

A VII edición de Antiq Auria presentouse esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora de Administración de Expourense, Cristina Álvarez, e os dous fundadores da Asociación Antiga Memoria, José Antonio Ferreiro e Gerardo Román, que afirmaron que este evento é actualmente “a mellor feira de antigüidades de Galicia e unha das mellores do noroeste peninsular”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta feira participan expositores de diversos puntos de España (Galicia, Asturias, Cantabria, Andalucía e Comunidade Valenciana) e de Portugal e tamén expositores de Suíza e Francia. Respecto desta edición, destacaron a presenza por primeira vez de expositores de referencia que participan nos mercados de antigüidades máis importantes de Europa, que son os que se celebran no sur de Francia (Montpellier, Aviñón e Béziers) xa que son os que máis número de anticuarios concentran.

O obxectivo de Antiq Auria, segundo indica “Memoria Antiga”, é “poñer en valor o antigo e que as persoas conserven e coiden as cousas antigas porque forman parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de mercar antigüidades.

Antiq Auria propón unha viaxe ao pasado, dende o máis afastado (séculos XVIII e XIX) ata os xa afastados anos 80 e 90, incluso. Miles de obxectos, de pequeno e grande formato, agardan unha nova vida na sétima edición de Antiq Auria. Este evento ten un alto índice de fidelización por parte dos expositores (arredor do 80% deles repiten) e volverá converterse nun punto de encontro de nostálxicos, presentando obxectos únicos cheos de historia divididos en tres sectores: antigüidades, coleccionismo e vintage.

Respecto das propias antigüidades (obxectos de máis de 50 anos) como xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelana, etc.

Na sección de coleccionismo podes atopar obxectos de numismática, filatelia, militares e relixiosos, etc. Por último, este evento tamén conta cunha zona reservada aos afeccionados aos obxectos vintage (sec. XX), que se converteron nunha moda e nun referente á hora de decorar fogares ou negocios.

Dende esta entidade, dirixida por José Antonio Ferreiro de Antigüedades Urbano e por Gerardo Román de Antigüedades A Quinta, destacan tamén que o mercado de antigüidades de Ourense é un referente nacional pola súa calidade e variedade e que hai moita tradición entre a cidadanía. Este é un dos motivos polos que estarán presentes nesta cita os principais anticuarios da provincia e tamén do resto de Galicia. Ademais de ser un punto de venda, Antiq Auria tamén ofrece aos visitantes a posibilidade de valorar e vender aqueles obxectos antigos que teñen nas súas casas.

Poxa dominical
Durante esta sétima edición repetirase a “gran poxa”, que terá lugar o domingo día 9 pola mañá a partir das 12:00 horas. Cada expositor entregará un obxecto a poxa entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Esta é unha boa oportunidade para conseguir pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Ademais, para premiar a fidelidade dos visitantes, sortearase entre todos eles unha antigüidade cedida polos organizadores.