Tensa concentración dos bombeiros galegos na Deputación de Ourense

Onte viviuse unha mañá moi tensa na rúa Progreso de Ourense, diante da sede da Deputación, onde se concentraron os bombeiros autonómicos de Galicia, tamén os do parque do Carballiño-Ribeiro. O resumo da xornada foi unha tensa confrontación que rematou cun deles ferido no nariz na carga policial, outros nos dedos. En canto aos danos, arderon colectores, fume e lapas de lume. Segundo os datos facilitados, asistiron 200 bombeiros e 50 antidisturbios.

O presidente da Deputación de Ourense reunirse cun grupo de representantes dos bombeiros comarcais no interior do Pazo Provincial. Tras a reunión, Menor comprometeuse a esixir un servizo de calidade e a trasladar as peticións deste colectivo a nivel galego. Os bombeiros deixaron clara a súa intención de non desconvocar as próximas mobilizacións ata que teñan solución ás súas demandas. A última delas será en Santiago de Compostela, e se non conseguen solucións ameazan cunha folga de fame.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre as súas solicitudes figura un convenio colectivo, a nivel autonómico, unificado para todas as provincias segundo a súa profesión; emprego fixo de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022; maior dotación de medios técnicos; e unha maior dotación de recursos humanos. Queren un salario digno dacordo coa perigosidade do seu traballo. Segundo os bombeiros, a Xunta considera isto inasumible, supondo 8 millóns de euros para toda a comunidade. As Deputacións piden pola súa parte responsabilidades á Xunta.

As Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, a Xunta de Galicia e a FEGAMP condenan o uso da violencia nas protestas dos bombeiros comarcais

A Xunta de Galicia, as Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) expresan a súa máis rotunda condena ás manifestacións de violencia que tiveron lugar nos últimos días durante as protestas dos bombeiros comarcais en Pontevedra e Ourense e nas que resultaron feridas varias persoas e se causaron importantes danos materiais.

A Xunta de Galicia, as deputacións galegas e Fegamp entenden que calquera colectivo profesional ten dereito de reclamar melloras laborais, pero consideran inxustificable e inadmisible o uso da violencia nas protestas. Estas administracións galegas destacan tamén a actuación responsable por parte da Policía Nacional.

Imaxes como as de onte en Ourense, nas que se viu a rotura de xanelas, o uso de botes de fume e incluso o emprego de lanzachamas na vía pública; ou as de Pontevedra do pasado venres, que ocasionaron danos na fachada do Pazo Provincial, non deberían volver a producirse nunca, xa que poñen en risco a integridade das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos traballadores e traballadoras da Deputación e das persoas que circulan pola rúa.

Xunta, deputacións e Fegamp sosteñen que o uso da forza nunca vai dobregar a defensa do interese público e instan aos bombeiros comarcais a retomar o diálogo e a negociación, como única vía posible para chegar a acordos. Consideran que ningunha demanda, por lexítima que sexa, xustifica episodios violentos como os de onte fronte á Deputación de Ourense.