Moción de Espazo Común para ter unha verdadeira Estación Intermodal

                 Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo, Érika Paz Rodríguez, Francisco José Fraga Civeira e Inmaculada Rodríguez Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello e en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN PARA A CONSTRUCION DUNHA VERDADEIRA ESTACIÓN INTERMODAL en base á seguinte

                                                        EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

AVANTAR ACTIVIDADES

O pobo do Carballiño non pode tolerar o acontecido nos últimos tempos no referente ao transporte público, un servizo fundamental para manter con vida a vilas coma a nosa. Ninguén que viva nesta realidade pode negar, por exemplo, a importancia da chegada do AVE a Ourense con milleiros de visitantes, éxito do que a nosa vila está a quedar moi á marxe por razóns obvias.

Durante anos tivemos que soportar un goteo constante de supresións de liñas tanto de tren coma de autobús que limitaron as comunicacións directas con Santiago ou Ourense ou que as erradicaron directamente coma no caso de Madrid ou Vigo.

Tanto PP coma PSOE dende as diferentes administracións onde foron gobernando disfrazaron de mil xeitos diferentes cada decisión para xustificarse entre eles, todo co silencio cómplice dun goberno municipal que nos tomou o pelo a todos en numerosas ocasións, só cómpre lembrar o capítulo dos mecánicos nos trens que se avariaban case cada semana no traxecto a Santiago, o máis empregado polos estudantes.

Nos últimos meses a veciñanza desta vila asistiu atónita ao debate sobre a ubicación do novo Centro de Saúde na actual Estación de Autobuses e o traslado desta ao entorno da Estación do Tren. A priori, é unha proposta coa que todos podíamos estar de acordo, a concentración dos servizos de transporte público optimizaría o seu aproveitamento.

Sen embargo, e para non perder as costumes a Xunta de Galicia coa connivencia de Fumega e o seu equipo, voltou a meternos un gol pola escuadra. A tan cacarexada intermodal rematou por ser un pendello. Unha parada de autobús como pode haber en calquer aldea. Sen ningún tipo de servizo: nin cafetería, nin baños, nin persoal, nin consigna, nin información, nin venda presencial de billetes…

O Carballiño debera loitar por distinguirse por arriba e exixir proxectos ambiciosos coma cabeceira de comarca e primeira vila da provincia de Ourense, sen embargo, imos de retroceso en retroceso.

Dende Espazo Común facémonos eco dunha demanda clamorosa por parte dos veciños. Que se constrúa unha auténtica Estación Intermodal con tódolos servizos que un pobo coma o noso ten que ofrecer.

Por iso demandamos a elaboración urxente dun proxecto serio e ambicioso que permita contar cunha instalacións á altura, xa sexa no edificio da actual Estación de Renfe ou coa construción dun novo.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Instar á Xunta de Galicia á construción dunhas instalacións de Estación Intermodal con, como mínimo, tódolos servizos existentes ata o de agora: cafetería, baños públicos, persoal, venda presencial de billetes, posto de información, consigna, etc. nos terreos que poña a dispor o Concello do Carballiño.