Espazo Común pon en marcha o ciclo de xuntanzas abertas á cidadanía “o Carballiño que todos queremos”

O obxectivo é acadar a maior participación e consenso posibles nas decisións máis importantes de cara ao futuro do noso pobo.

                                                                               O Carballiño,  2 de novembro de 2023.

AVANTAR ACTIVIDADES

No Carballiño estamos a tomar decisións fundamentais para o futuro a medio e longo prazo da nosa vila. Estamos a construir o lugar onde van pasar a súa vida varias xeracións de carballiñeses, coa responsabilidade que iso acarrexa.

Faise, polo tanto, fundamamental atinar na toma de determinacións. Podemos ser uns temorosos e resignarnos empregando frases coma “é que non hai máis remedio” ou podemos ser ambiciosos loitando porque todos e cada un dos proxectos pendentes nos fagan medrar un pouco máis. É unha elección conxunta.

Cuestións coma o espazo onde construir o novo Centro de Saúde, o transporte público, o Asilo ou as instalacións deportivas e culturais son eixos ineludibles dun pobo que se sosteña de pé o día de mañá.

É tal a relevancia destas decisións que non  poden nin deben ser cousa só duns poucos. Temos que procurar a maior participación de todos, minimizando así o risco de erros imposibles de corrixir máis adiante.

Por iso, dende Espazo Común, consideramos fundamental a implicación de tódolos que lle queremos a este pobo: asociacións, partidos políticos, entidades culturais, deportivas, empresariais e de todos e cada un dos veciños.

En vindeiras datas imos por en marcha un proceso de escoita activa deste pulso social. Iniciaremos unha serie de xuntanzas abertas á participación de toda a cidadanía sobre todos e cada un destes temas e doutros que poidan xurdir.

Esta xeira de actos participativos ten o nome de “ O Carballiño que todos queremos”, cunha soa meta: escoitar, recoller opinións e ideas, definir prioridades para elaborar entre todos a folla de ruta que nos leve a que ese pobo do futuro e que nos permita manternos coma referencia do interior galego, como vila de oportunidades e como un lugar ao que a xente desexe vir para quedarse.