O Grupo Socialista urxe á Xunta a elaborar unha estratexia integral de erradicación da infravivenda e a reubicación dos seus habitantes

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Eduardo Ojea, reclamoulle hoxe ao goberno galego que elabore unha estratexia integral contra a infravivenda que incorpore a reubicación dos seus habitantes. Ojea presentou unha proposición non de Lei na que reclamou orzamento suficiente para o realoxo da poboación afectada por estas situacións, sinaladamente nos núcleos nos que residan menores, que será votada mañá xoves.

O responsable socialista propuxo un Plan integral a nivel autonómico no que “todas as administracións deben cooperar para poñer fin á discriminación e á desigualdade que supoñen estas situacións”. Reclamou que as familias xitanas reubicadas teñan capacidade de decisión logo da erradicación dos poboados, e lembrou que precisan de acompañamento posterior para a súa integración, ademais de garantir a seguridade xurídica no proceso de realoxo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ojea chamou a realizar unha “reflexión profunda do que está pasando coas persoas que viven en situación de pobreza extrema e residen en chabolas, infravivendas ou en pisos patera”, logo do falecemento dunha nai e tres dos seus fillos que residían nun edificio abandonado en Vigo. Alertou de que este tipo de sucesos “poden repetirse en calquera momento se non se poñen medidas e os medios definitivos para arranxalo”.

Reclamou un “programa estable, estrutural, ben orzamentado e sostible no tempo para poder reducir de forma constante a existencia de infravivenda en Galicia”, que permita suplir a “asimetría na capacidade dos diferentes concellos á hora de articular as actuacións precisas de desmantelamento e realoxo”. Para iso é preciso, dixo, “maior implicación das administracións con maior capacidade, como a autonómica ou a nivel provincial”.

Reivindicou as ferramentas que pon en marcha a Lei de Vivenda aprobada en maio, que recoñece a función social da vivenda e a identifica como un ben de interese xeral, e supón “un paso adiante no garante do dereito a unha vivenda, especialmente para aquelas persoas ou grupos con máis dificultades no acceso a unha vivenda digna, adecuada e accesible”.

Esta norma recoñece ao chabolismo como situación de exclusión residencial grave e os asentamentos como situacións de especial vulnerabilidade, ademais de incluír a perspectiva da infancia, identificado aos fogares con menores a cargo como vulnerables, recoñecendo que o acceso á vivenda é un requisito previo para o resto de dereitos fundamentais da infancia.

Sinalou ademais que o Plan estatal de Vivenda 2022-25 establece un Programa específico de axuda á erradicación de zonas degradadas, do chabolismo e da infravivenda, mentres o Pacto para a Vivenda 2021-25 do goberno galego apenas reflicte unha “escasa aportación” para afrontar estas situacións.