Arco da Vella, a adega de Eladio, enaltece cos seus viños o ciclo ‘Cata a Arte’ en Ourense

Benito Eladio Rodríguez Fernández presentou onte a súa adega Arco da Vella na cuarta sesión do ciclo “Cata a Arte” coa degustación e cata guiada do seu viño branco Torques 2021 e o seu tinto Tarabelo 2019 e 2022, acompañada dun recital poético e de cancións. O evento, con aforo completo, tivo lugar na pranta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde se atopa situada a recén inaugurada exposición de Correa Corredoira, mostra que naceu como resultado da experiencia do artista en dúas viaxes a Namibia convidado para realizar unha “rosa dos ventos” e empaparse dos costumes, iconos, historia e mitos dese país.

Como actividade complementaria á cata sucedeuse un recital poético e musical cos artistas Andrés Fernández Rodríguez (cantautor), José Luis Fernández Carnicero e Antón Alonso e cos poetas Curra Figueroa Panisse, Pepa Álvarez Gómez, Néstor Fernández e Armando González. Levouse a cabo a través dunha intervención alterna de poetas e músicos, moderada polo adegueiro e tamén poeta e escritor Benito Eladio Rodríguez Fernández. Unha xornada moi completa, chea de poemas e cánticos alzados na honra do viño e da viña

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta novena edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación para la Lucha contra las Enfermedades Renales (ALCER Ourense), organización de carácter social e sen ánimo de lucro que ten como finalidade mellorar a calidade de vida de todas aquelas persoas afectadas por enfermidades renais e os seus familiares; desenvolvendo distintas actividades enfocadas á prevención e a loita contra as enfermidades que afectan ao ril, así como á doazón de órganos; tamén ofrecen servizos de interese como son os de traballo social, nutrición ou psicoloxía. A asociación está composta por persoas con enfermidade renal crónica en tratamento de diálese, con trasplante de ril, familiares, así como persoas sensibilizadas con este tipo de enfermidades e a súa problemática.

Viño e arte

O ciclo celébrase durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 2 de novembro ata o 30 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

Para rematar esta novena edición, o broche final poñerao o vindeiro xoves, 30 de novembro, a Bodega Alanís, que fará unha degustación do seu viño Gran Alanís 2022 en harmonía coa actuación musical poprock do dúo ourensán Hermanos Walker.

Arco da Vella a Adega de Eladio

É unha pequena adega familiar que vén dunha saga de antigos viticultores-adegueiros asentados no concello de Beade. Co gallo de seguir a tradición herdada, Benito Eladio Rodríguez Fernández remodela a nova adega dotándoa de maquinaria e elementos de elaboración actuais  e cultivando as viñas herdadas inicia, no 2004, nova andaina no seo da D.O. Ribeiro. O camiño a seguir basease nos seguintes propósitos: viticultura: tradicional cuasi ecolóxica en viñas propias e cepa vella, castes autóctonas, sen herbicidas, insecticidas, nin antibotríticos velenosos. Elaboración tradicional con lévedos das propias uvas e temperatura de fervura controlada mediante equipo de frío.