A Serra do Suído non é unha mina

SOS SUÍDO-SEIXO amosa o seu apoio ás comunidades locais e mantén a súa firme oposición aos proxectos mineiros Alberta I, Alberta II e Carlota, lanzando a campaña de visibilización das aldeas afectadas baixo o lema A SERRA DO SUÍDO NON É UNHA MINA

(BEARIZ) A 26 de novembro de 2023. A acción levouse a cabo este domingo coa colocación de 50 pancartas coas consignas A SERRA DO SUÍDO NON É UNHA MINA e NON É UNHA MINA nos letreiros das aldeas afectadas por proxectos mineiros nos concellos de Beariz, Avión, Forcarei, Cerdedo-Cotobade,  A Lama e Covelo, percorrendo os 30 km de longo dos tres permisos de investigación Alberta I, Alberta II e Carlota.

AVANTAR ACTIVIDADES

A acción é secundada e apoiada por colectivos veciñais, ambientais e socioculturais da contorna afectada, entre os que se atopan: a Asoc. A Lama Vive, a Asoc. Alarma Terra de Montes, a Asamblea do Suído ou o Colectivo do Suído.

Moita veciñanza aínda non sabe que vive dentro ou moi preto dun permiso de investigación mineiro. Se os proxectos seguen adiante, nun par de anos as súas casas poderanse atopar ao carón dunha mega-mina de 27 km de longo. Con este tipo de actos queremos amosar que a nosa loita segue viva e que é fundamental a información nuns procedementos que normalmente, se fan de costas á veciñanza e sen acceso fácil e rigoroso a toda a documentación relativa aos proxectos – indicaron representantes do movemento antimineiro – Animamos á xente a que faga visible o seu rexeitamento, poña a súa pancarta nos balcóns, galpóns e comercios e non ceda ante as presións das mineiras.- Tamén alertan que é un problema que porá en risco non só as áreas localizadas na contorna das minas, máis tamén as cuncas fluviais dos ríos Avia, Tea, Miño, Oitavén, Verdugo e Lérez; e, polo tanto, os recursos hídricos do Ribeiro, do Condado, o encoro de Eiras e as rías de Vigo e Pontevedra.

O dereito mineiro Alberta I tentou ser explotado pola empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial SAMCA. A Xunta de Galicia denegou no ano 2020 a Concesión de Explotación ante o informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola máis que probable afección aos cursos de auga da zona. Prevese que, ao longo de 2024, RMG presente un novo proxecto para a primeira fase de explotación de Alberta I (Doade-Beariz), unha vez rematados os estudos hidroxeolóxicos que se están a realizar coa pretensión de subsanar as deficiencias postas de manifesto pola Confederación Hidrográfica. A solicitude de concesión para a explotación de Alberta I abrangue unhas 1700 ha dende Presqueiras (Forcarei) ata Rubillón (Avión).

Alén de Alberta I, pairan sobre o Suído os proxectos Alberta II (1015 ha no concello de Avión), e Carlota (2.670 ha entre os concellos de Avión, A Lama e Covelo) que afectan a unha zona da serra do Suído que fora designada en 2008 e 2011 para a súa inclusión na Rede Natura 2000 por acoller un dos conxuntos de turbeiras máis meridionais de toda Europa. Porén, como confirman dende asociacións e plataformas medioambientais locais, a Xunta mantén a proposta de ampliación da Rede Natura secuestrada dende hai máis de 12 anos, sen sometela a información pública. Non parece unha casualidade, indican dende a plataforma.

Salamanca Ingenieros obtivo os primeiros permisos de investigación para Carlota e Alberta II en 2010. Hoxe en día ambos dereitos mineiros pertencen a IberAmerican Lithium Corp, que fala ante os seus inversores das súas dúas propiedades de litio Alberta II / Carlota, onde queren comezar coa produción de litio o antes posible. A empresa tamén asegura aos seus accionistas e inversores, que pretenden executar unha campaña de 50 sondaxes antes do final do ano 2023, en montes comunais do concello de Avión.

Dende a plataforma móstranse altamente preocupados polas recentes revelacións dunha investigación do diario Nós, que relaciona a IberAmerican Lithium cos propietarios da mina Penouta (Strategic Minerals), cos novos propietarios da polémica mina de San Finx; así como con outros proxectos de explotación de recursos naturais en Colombia (Pacific Rubiales e Gran Colombia Gold), algúns que mesmo remataron na quebra das correspondentes empresas despois de deixar un regueiro de problemas medioambientais e conflictos sociais.

A plataforma alerta tamén da chegada, á zona dos proxectos Alberta II e Carlota, dun xeólogo vinculado a Savannah Resources e Lusorecursos, empresas con proxectos mineiros de litio no norte de Portugal que están actualmente no foco da investigación portuguesa sobre suposta prevaricación e corrupción nos seus procedementos e avaliación ambiental.

SOS SUÍDO-SEIXO incide en que o obxectivo desta campaña é a alarma informativa. Que a veciñanza saiba que pode pasar nos seus montes, que se informe, contraste, compare e comparta os recursos para defender os seus intereses fronte á información sesgada e interesada das empresas extractivistas que o único que buscan é o seu propio beneficio.