O Psoe de Lobios insta ao concello a proceder ó arranxo, mantemento e aproveitamento do embarcadoiro de aceredo e a contorna para rematar con anos de “desleixo”

Os socialistas consideran que o goberno municipal debe buscar unha solución “urxente” ó abandono, deterioro e a substituír os elementos rotos da zona, así como a unha limpeza e desbroce da mesma

Patrick Rodríguez afirma que a imaxe que se atoparon os milleiros de turistas que se achegaron á zona nos últimos anos “foi deplorable, cunha degradación dos espazos públicos, nunca antes vista”

AVANTAR ACTIVIDADES

Lobios, 20 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Lobios defenderá unha moción no vindeiro pleno municipal na que insta ao concello a proceder ó arranxo, mantemento e aproveitamento do embarcadoiro de Aceredo e a súa contorna. Os e as socialistas consideran que o goberno municipal debe buscar unha solución “urxente” ó abandono, deterioro e a substituír os elementos rotos da zona, así como a unha limpeza e desbroce da mesma.

Dende o grupo municipal socialista explican que o embarcadoiro de Aceredo, na parroquia de San Salvador de Manín, foi construído no ano 2010, contando cun investimento de 400.000, procedente do Fondo Estatal e Investimento Local. O obxectivo marcado por aquel entón era a construción dunha infraestrutura para arredor de 20 embarcacións, unha zona de aparcamento e unha área recreativa con aseos. “Unha idea estupenda, xa que promovía a materialización dun proxecto dun carácter eminentemente turístico e de gran beneficio para Lobios, pero a día de hoxe atópase nun estado calamitoso”, sinalan dende o PSOE da localidade.

Os e as socialistas consideran que o “desleixo” amosado pola alcaldesa do PP, María del Carmen Yáñez, nos últimos anos provocou, que co paso do tempo, “o deterioro fose a máis ante a falta de mantemento e reparacións, o que amosa o nulo interese do goberno municipal por potenciar esta zona de gran valor turístico, xa que se atopa a carón da xa mundialmente coñecida aldea somerxida de Aceredo, que cada vez que sae a luz, recibe a milleiros de visitantes”.

O concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, explica que o longo dos últimos anos “xa houbo numerosas reclamacións tanto por colectivos veciñais como polo propio PSOE para arranxar o pantalán e a contorna”. Neste senso, o secretario de organización dos e das socialistas de Lobios afirma que a alcaldesa “escapou do tema pola tanxente, buscando escusas de mala pagadora para evitar falar así do abandono que vive a zona ante a falla de iniciativa do seu goberno municipal”.

Rodríguez considera que as declaracións da alcaldesa ao longo dos últimos anos “están cheas de verbas baleiras, xa que nunca tivo intención de intentar arranxar e manter en boas condicións o embarcadoiro e a súa contorna”. O concelleiro socialista tamén pon o foco na chegada de visitantes a zona nos últimos anos, xa que tal e como apunta “a imaxe que se atoparon os milleiros de turistas e visitantes que se achegaron á zona foi de total abandono e desleixo, cunha degradación dos espazos comúns e zonas públicas, nunca antes vista”.

Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE de Lobios apostan por potenciar o embarcadoiro e a contorna, optando por un mantemento “correcto” e unha xestión “axeitada”, coa que conseguir o obxectivo para o que foi construído, que non é outro que “a dinamización turística do noso concello e o uso e desfrute por parte dos propietarios de embarcacións que queiran empregalo”.

“Pedímoslle a señora Yáñez que non empregue como escusa o nivel mínimo de auga no encoro para bloquear a nosa proposta”, afirma Patrick Rodríguez, que tamén subliña que “temos un exemplo de bo aproveitamento na outra beira do encoro, en Latemil (Entrimo), na que se está materializando a construción dun embarcadoiro, unha zona de baño e de lecer e un conxunto de sendeiros”. Ante esta circunstancia, o secretario de organización considera que en Entrimo “entenderon que non se podía especular coas subidas e baixadas do encoro e que isto non podía ser un impedimento para levar a cabo este proxecto, polo que pedimos a alcaldesa que tome nota e faga o propio”. Os e as socialistas agardan que esta moción saia adiante co apoio do PP.