Xosé González: “Os montes veciñais en man común “

Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.


Os habitantes das parroquias,que encarnan a vida espiritual do pobo galego, segundo definición dun egrexio xurisconsulto experto no noso dereito civil, teñen a misión de conservaren os bens posuídos en “comunidade xermánica”. Un deses bens son os montes veciñais en man común, que son eixos vertebradores da vida económica, e tamén dinamizadores sociais das parroquias, células básicas desta orixinal organización territorial.

AVANTAR ACTIVIDADES

Noutrora, o monte comunal era o soporte da vida dos habitantes das parroquias, de todos os que tiñan dereito indivisible a obteren beneficios del.  Desaparecidas  utilidades como fornecer  o esquilme e pastos para o gando vacún e cabalar, hoxe repórtanlles ás comunidades veciñais outros rendementos imprescindibles para manter unha  calidade de vida digna. Pensemos, por exemplo, nos acuíferos para o abastecementos de auga para as casas, ou o aproveitamento para a rega de terras que se fai por quendas; ou as periódicas talas.

Os montes comunais, que foron os espazos dos máis antigos asentamentos da vida  castrexa dan acubillo a un inxente patrimonio cultural de variado tipo que os singulariza de tal maneira porque todo o que hai neles ten nomes de seu. Os penedos, searas, regatos… flora e fauna, teñen cadanseu nome orixinal en lingua galega. Pénsese, por exemplo, na inmensa variedade de herbas, mediciñais ou non que recibiron dos nosos devanceiros cadanseu nome. Estamos, pois a falar, dun patrimonio cultural e lingüístico dunha magnitude inconmensurable sen parangón na nosa contorna xeográfica; ata o punto de que por  volta dos anos setenta en Galicia o censo dos topónimos, maiores e menores,  ascendencian a dez millóns.

Podemos afirmar que en Galicia o pobo púxolle sempre nomes a todo; calquera anaco de terra por pequeno que sexa ten a súa denominación, que é coñecido pola veciñanza, sendo nomeados de tal orixinal maneira por moitas xeracións. As escrituras públicas deixan constancia desa riqueza patronímica.

Sen embargo, hai unha excepción na que o castelán desprazou á lingua galega; estes espazos son os cemiterios. As comunidades de montes veciñais teñen que reflexionar sobre este particular: como é posible que os panteóns e sartegos non se identifiquen pola lingua galega, como o resto do  territorio parroquial?.

As directivas destas comunidades que tanto ben veñen facendo apoiando iniciativas culturais que cohesionan socialmente   as parroquias ( festas, grupos de música tradicional…) deberan  extender tamén esas dádivas económicas á restauración lingüística dos cemiterios, reforzando asi a urdime sentimental da parroquia dos mortos homologándoa coa dos vivos. O poeta Ramón Cabanillas expresouno moi acaidamente con  estes versos:  Galicia! Nai e Señora/ sempre garimosa e forte;/ preto e lonxe; onte, agora,/ mañá…na vida e na morte”.

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (www.galeguizargalicia.gal) vén de enviarlle tal proposta á Organización Galega  de Montes Veciñais en Man Común, que aglutina a máis de 150 entidades, para que tomen o acordo de harmonizar e homenaxear a memoria lingüística  dos mortos coa dos vivos, subvencionando as lápidas dos defuntos sempre que os seus epitafios sexan en galego.

A primeira comunidade de montes que tomou este acordo, que fará historia, é a da parroquia de Couso en Gondomar, no Val Miñor, situada ao pé da vizosa Serra do Galiñeiro,  entidade tan modélica entre outras actividades como na organización do monte e a  acertada xestión que fan dos seus recursos. A partir deste mes as familias das persoas falecidas poderanse beneficiar dos 300 euros destinados a fomentar o uso da lingua galega nas lápidas. A súa louvable decisión é merecente de ser secundada por máis xuntas directivas doutras comunidades de montes. Queremos unha Galicia máis galega.

* Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.


Curriculum de Xosé González Martínez

Dende 1979 foi funcionario da administración local, primeiro en Redondela, onde estivo 20 anos no Servizo de Normalización Lingüística do concello, e despois na mancomunidade da Área intermunicipal de Vigo onde foi director do Servizo de Normalización Lingüística.

Foi director da Revista de Administración Galega, subdirector da revista Lingua e Dereito que edita a Universidade de Vigo. É presidente da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, secretario da Asociación de Amigos de Couto Mixto, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en galego. Foi un dos creadores do Premio Blanco Amor. É impulsor da Fundación Galicia Empresa e da Fundación Lois Peña Novo (sendo o actual Presidente), e presidente do Foro Enrique Peinador. Colaborador en prensa (Faro de Vigo) e radio (Radio Galega) e da Enciclopedia Galega Universal. Foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica.


Outros ártigos de Xosé González

Xosé González: “acto de homenaxe ao reitor Rodriguez Cadarso en Lubián”

Na Limia en Galego, Agora e Sempre

A opinión de Xosé González: “Na memoria de Domingo Lorenzo en Barcia de Mera”

A opinión de Xosé González: ” A identidade lingüística dos defuntos”

A opinión de Xosé González: ” Sumar Navantia”

A opinión de Xosé González: ” Homenaxe a don Ramón Castromil”

A opinión de Xosé González: “Premios á Etiquetaxe en Lingua Galega”

A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”

NO DÍA DA PATRIA GALEGA

A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”

A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”

A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “

A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”