O pasado sábado 8 de maio, no entorno da praia fluvial de Cerdedo (concello afectado polo dereito mineiro ALBERTA I xunto cos de Forcarei, A Lama (en Pontevedra) e Beariz e Avión (Ourense) enmarcado dentro 5º Encontro sobre os impactos da minaría da Rede ContraMINAcción, tivo lugar unha xornada, organizada pola Plataforma SOS Suído Seixo, cargada de actividades.
Deu comezo cunha mesa redonda que tratou as “Problemáticas da Minaria” na que se debatiron temas como a “Defensa do territorio” e na que participou xente da “Plataforma Mina Touro-O Pino Non”, da “Rede Galega por un Rural Vivo” e da propia plataforma SOS Suído Seixo. Tamén se achegaron representantes de Portugal do “Movimento SOS Serra d’Arga” e de “Unidos em Defesa de Covas do Barroso”afectados tamén pola megaminería de Litio.
Na segunda parte déronse a coñecer proxectos locais como “Alternativas á Minaría” coa exposición de empresarias da zona de turismo rural, de producción de mel e da CMVMC de Rebordelo que puxo en marcha accións de recuperación do Monte comunal coa figura xurídica de protección ambiental da “Custodia do territorio” en colaboración con Adega.
Ao encontro achegáronse numerosas persoas das comarcas próximas que mostraron as suas inquedanzas e preocupacións ante os proxectos mineiros e eólicos que están a ser proxectados por toda Galicia.
Xa pola tarde, os mais pequenos e non tanto, desfrutaron do espectáculo de monicreques “Pinga e Lavandeira” galardoado pola Global RCE Network da United Nations University sobre os impactos ambientais da minaria creado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade e Montescola en colaboración con Contraminacción, rede contra a minaría destrutiva de Galiza e outros coletivos.
A xornada culminou cun roteiro pola zona e cunha foliada, mantendo sempre as recomendacións sanitarias establecidas polas autoridades correspondentes.
Durante toda a xornada
proxectaronse curtas documentais e expuxéronse infografías
sobre os “Impactos da Minaría”.
Contouse ademais con puntos de información como a “Plataforma de Defensa da Dorsal Sur Galega” e a “Asociación Alarma”, constituídas recentemente co obxectivo de ofrecer apoio e información acerca dos proxectos eólicos que se prevén instalar nas serras do Suído, Cando e Faro de Avión e na comarca histórica da terra de Montes.