O PSOE pide máis prevención para evitar incendios en tempada de risco

A voceira de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de pedir explicacións á Xunta polos incendios ocorridos durante esta Semana Santa e urxiu a realizar “traballos preventivos” para evitar lumes durante a tempada de alto risco que está a piques de comezar. Fíxoo, hoxe, a través dunha pregunta ao goberno galego na Comisión de Medio Rural do Parlamento.

Así, a responsable socialista lamentou a “xornada negra” vivida o Xoves Santo deste ano no que se calcinaron preto de 600 hectáreas en catro grandes lumes e culpou ao goberno galego de “esquecer” a aplicación dun “principio básico do sistema de prevención e extinción de incendios forestais” que “ten que expanderse e contraerse en función das necesidades”, o cal “non se fixo nesta ocasión”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Os galegos convivimos coa preocupante certeza de que o noso territorio poida ser periodicamente pasto dos lumes porque, aínda que Galicia representa menos do 5% da superficie de todo o estado español, aquí se producen entre o 40-50% de todos os incendios forestais”, alertou a socialista.

Na memoria de todos os galegos, lembrou, “quedarán para a historia” os lumes que se produciron en outubro de 2017 cando “neses terribles días” máis de 30.000 hectáreas foron calcinadas en diferentes puntos de Galicia.

Ante tal “magnitude” dos feitos, presentouse entón unha “oportunidade para revisar o fracaso das políticas forestais do PP”, incidiu Rodríguez Dacosta. Malia abordar a cuestión nunha comisión de estudo que deu como resultado un ditame que puña en valor a política forestal do goberno de Emilio Pérez Touriño fronte ás políticas do goberno Feijóo, a Xunta non mudou as súas políticas forestais.