Nota de Prensa do Psdeg-Psoe sobre a Mancomunidade do Ribeiro

foto ourense dixital
foto ourense dixital

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE A MANCOMUNIDADE DO RIBEIRO INCUMPRE OS ACORDOS PARA A SUSPENSIÓN DO PAGO DE IMPOSTOS E TAXAS DURANTE O ESTADO DE ALARMA

Os socialistas alertan de que o pasado 13 de maio e ata o 24 de xullo abriuse o período voluntario para o pago destas contías, a pesar de que se acordou no seu momento agardar á fin do estado de alarma
“Nun primeiro escrito informaron os concellos da Mancomunidade dos aprazamentos ata a fin do estado de alarma, que segue vixente e polo tanto están a incumprir coa veciñanza do Ribeiro”, explican fontes socialistas

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia publicamente que a Mancomunidade do Ribeiro incumpre os acordos acadados a data 10 de marzo, cando acordou e así se informou ós concellos que forman parte desta entidade que quedaba suspendido o pago do imposto municipal de vehículos de tracción mecánica, da taxa sobre a recollida do lixo, sobre a entrada de vehículos, de sumidoiros e de portas e escaparates ata finalizar o estado de alarma. Pois ben, tal e como confirmaron os socialistas a través da veciñanza dos diferentes municipios, estes recibos xa se están cargando nas contas bancarias da veciñanza dende o pasado 13 de maio, cando a Mancomunidade, controlada polo PP, optou por comezar co pago voluntario destes impostos e taxas, a pesar de que o estado de alarma aínda segue vixente.
Dende o grupo socialista na Mancomunidade non dan creto a este xeito de actuar. “Trátase dunha irresponsabilidade política e dun engano á veciñanza dos concellos que forman parte da mancomunidade, non pode ser que se acorde agardar a que remate po estado de alarma e sen rematar se proceda xa o cobro de impostos e taxas”, afirman dende o seno socialista, que subliñan tamén que “nun escrito informaron do aprazamento e agora veñen cobrando, nun claro caso de incumprimento coa veciñanza do Ribeiro”.
Unha situación que non só causou malestar entre a veciñanza e a oposición, senón tamén dentro das filas do Partido Popular. “sen ir máis lonxe, a tenente de alcalde de Beade, Susana Fernández Pousa, cargaba en redes contra a decisión levada a cabo polo seu partido chegando a dicir que non lle gustaba a decisión, algo que tamén nos acontece o resto”, explican as fontes do partido do puño e da rosa. Tamén destacan dende o PSdeG no ente comarcal que “as prioridades dos cidadáns, nunha situación económica excepcional e nestes momentos de incertidume, ERTES e paro non é facer fronte ó pago de taxas e impostos municipais, senón cubrir as necesidades primarias como alimentación ou enerxía”.
Medidas para paliar os efectos da COVID-19
Os socialistas lembran tamén que fai unhas semanas presentaron unha batería de medidas para paliar os efectos da COVID-19 nos concellos que forman parte da Mancomunidade do Ribeiro. Ante a falta de resposta por parte do grupo de goberno do PP, dende o PSdeG-PSOE comarcal remarcan algunhas medidas prioritarias como son a paralización inmediata do prazo iniciado de recadación de taxa e impostos municipais correspondentes ó 2019; fraccionar o pago de ditas taxas e impostos en dous prazos a executar en xuño de 2021 e 2022; e que o ente municipal e intermunicipal activen os recursos e medios, tanto económicos como financeiros o seu alcance para financiar e facer fronte as súas obrigas económicas sen necesidade de esixir a recadación de impostos e taxas municipais no ano 2019.