Rematan os cursos con certificado internacional no Museo do Viño

O Concello de Ribadavia e a entidade Galicia.wine, en colaboración co Museo do Viño de Galicia, levaron a cabo os dous primeiros niveis das certificacións internacionais WSET (Wine & Spirit Education Trust), durante os meses de outubro (Nivel 1 – día 19) e novembro (Nivel 2 – días 23 e 24), no Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Camporredondo.

Nos cursos impartidos participaron persoas de distintos puntos de toda Galicia e incluso do Bierzo, que se achegaron a Ribadavia para poder formarse e aprender no eido do viño para obter a titulación outorgada por esta entidade de recoñecido prestixio. No nivel 1 todos os participantes superaron a proba con éxito e, no caso do nivel 2, aínda terán que agardar unhas semanas para coñecer os resultados.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os encargados de darlle a benvida foron César Fernández, alcalde do Concello de Ribadavia; César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo do Viño de Galicia; e Jorge Vila, director de Galicia.wine e a persoa que se encargou de impartir a formación.

A WSET (Wine & Spirit Education Trust) é unha organización con sede en Londres e estendida por todo o mundo que conseguiu converterse na referencia internacional na formación do viño. Os cursos WSET caracterízanse por estar orientados a un enfoque internacional do viño. Os exames son enviados dende Londres e corrixidos tamén alí.

Nesta cualificación estúdianse as principais variedades de uva no mundo e nas rexións nas que se cultivan. Analizáronse os diferentes estilos de viño aos que dan lugar e os termos que os identifican nas súas etiquetas. 

Cabe destacar que no Concello de Ribadavia, como lugar de relevancia histórica do mundo do viño, apóstase pola formación de calidade e a divulgación do coñecemento a través da cal preténdese difundir a cultura do viño entre os profesionais e afeccionados. Ao longo do vindeiro ano, preténdese que se realicen de novo as certificacións WSET para que máis persoas podan optar a acadar esta titulación.