Estas actuacións son froito do compromiso da Xunta coa renovación das instalacións educativas para acadar un maior benestar da comunidade escolar
As obras enmarcáronse no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e supoñen unha mellora enerxética e funcional dos centros
Os Orzamentos 2021 contemplan un esforzo inversor en infraestruturas de 61,4M€
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe, acompañado do delegado da Xunta, Gabriel Alén, o IES O Ribeiro (Ribadavia), e o Centro de Educación Especial (CEE) Miño (Ourense), onde comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral realizadas en ambos centros por importe de preto de 1,7M€.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que estas actuacións son froito do compromiso do Goberno galego coa renovación das instalacións educativas para acadar un maior benestar da comunidade escolar. Trátase dun investimento enmarcado no ambicioso Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas do Goberno galego, cuxo orzamento para 2020 se veu incrementado a máis de 51 M€ co reforzo do Plan de Reactivación do Sector Construción.
Co orzamento total programáronse en toda Galicia o pasado ano 535 actuacións de obra e equipamento. As obras contemplaron tanto rehabilitacións integrais –como as realizadas no IES O Ribeiro e no CEE Miño– e de mellora da eficiencia enerxética como ampliacións, traballos de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM); e rehabilitacións sectoriais (sobre as problemáticas máis comúns nos centros: cubertas, carpintarías exteriores, iluminación…), entre outras.
De cara ao ano 2021, lembrou que os Orzamentos contemplan un esforzo inversor en infraestruturas de 61,4M€ en total, orientado a favorecer que os centros educativos afonden na excelencia, a modernización e a sustentabilidade.
Edificio Abrente
A actuación no IES O Ribeiro realizouse no seu edificio Abrente, cun investimento de 904.208,80€, e incluíu accións para a mellora da eficiencia enerxética como a substitución das fiestras por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, a renovación das persianas por unhas novas de aluminio con illante térmico interior e a instalación de novas luminarias con tecnoloxía LED. Así mesmo, cambiouse a cuberta.
No referido a melloras funcionais, colocáronse novos teitos acústicos en aulas e zonas comúns, reforzouse o sistema de calefacción, pintáronse os paramentos interiores e exteriores, limpáronse as fachadas, puliuse o pavimento de terrazo e adecuouse un espazo para aula de cociña.
A maiores, mellorouse a accesibilidade ao centro mediante a instalación dun ascensor, así como de aseos adaptados.