A Deputación pon en marcha un punto limpo de lixo voluminoso

Pablo Pérez Pérez (Deputado de cooperación da Deputación Ourense) visita ás renovadas instalacións do futuro “Punto Limpo” de Ribadavia acompañado polo Alcalde de Ribadavia Cesar Fernández Gil e da concelleira Yolanda Gómez Gómez.

A Deputación de Ourense, en colaboración co Concello de Ribadavia, porá en marcha unha experiencia piloto na recollida de residuos voluminosos para complementar o servizo “porta a porta”, que está a rexistrar un considerable aumento da demanda en toda a provincia e precisa de iniciativas de reforzo. Así o anunciou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, que acompañado polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, visitou o lugar de Foz, onde se centralizará esta iniciativa. 

A experiencia piloto consistirá na apertura dun “punto de acopio”, no que as veciñas e veciños de Ribadavia poderán deixar os seus residuos voluminosos (mobles, sofás, colchóns, lámpadas ou aparellos electrónicos e electrodomésticos), restos que con posterioridade serán retirados polos vehículos da Deputación e entregados aos xestores de residuos autorizados. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Na actualidade, a Deputación de Ourense presta o servizo de recollida de residuos voluminosos “porta a porta” a 54 concellos adheridos ao convenio marco, “e a demanda non deixa de crecer, polo que estabamos abertos a novas iniciativas para complementar e reforzar este labor, e o alcalde de Ribadavia puxo sobre a mesa unha interesante proposta que agora imos probar”, afirmou Pablo Pérez. 

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, agradeceu pola súa banda a receptividade da Deputación á súa proposta, “que permitirá ofrecer á veciñanza de Ribadavia dúas opcións para que se podan desfacer dos seus vellos enseres, xa que ademais do punto de acopio de Foz tamén seguirá funcionando o servizo porta a porta”. 

Durante a pandemia, este servizo gratuíto rexistrou un considerable incremento na demanda que obrigou a Área de Medio Ambiente a adoptar, no pasado decembro, unha primeira medida de reforzo coa incorporación de dous vehículos adaptados que percorren toda a provincia para recoller os residuos voluminosos, segundo a relación de peticións que periodicamente trasladan os concellos á Deputación, evitando así o desprazamento da veciñanza ás instalacións de recollida e, ademais, a aparición de vertedoiros incontrolados.