Os Premios Antón Losada Diéguez reciben 30 pezas literarias e 17 de investigación e ensaio

BOBORAS.PAZO DE MOLDES PREMIOS LOSADA DIEGUEZ DO ANO 2016

O pasado 31 de xaneiro pechou oficialmente o prazo para presentar as obras a concurso do Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición e, unha vez rematado o prazo, a relación de obras participantes quedou en 47, das que 30 optarían ao premio de Creación Literaria e 17 ao de Investigación e Ensaio.

Lembramos que este premio, cuxa secretaría técnica correspóndelle este ano ao Concello do Carballiño, ten unha contía de 12.000 euros.  Un premio de 6.000 euros no eido da creación literaria e outro da mesma cantidade no de investigación e ensaio.

AVANTAR ACTIVIDADES

O 24 de abril é a data na que os nove membros do xurado se reunirán para tomar a súa decisión sobre as obras premiadas. Este xuradoestará presidido polo concelleiro delegado da Área de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández,  quen ademais  estará acompañado por un representante nomeado por cada unha das seguintes institucións culturais: Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Museo do Pobo Galego, Deputación de Ourense, Concello de Boborás, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña.

Entre as 30 obras que optan ao premio na modalidade de Creación Literaria figuran, entre outras, Un señor elegante  de Suso De Toro, Ulcis de Xosé Fernández Ferreiro, Tantos anos de silencio de Francisco Castro ou O libro da filla de Inma López Silva, no eido da novela.  Ademais, tamén aparecen obras como Árbores no deserto de Rosalía Fernández Rial ou  Distancias de Tamara Andrés e Marcos Viso como propostas poemarias. En canto á investigación e o ensaio, compiten traballos como o de Manuel Rivas coa obra Zona a Defender ou Despoxos e vísceras ilustres de Mª Xosé Queizán, entre outras.