O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén informa ás asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da nova orde de axudas

Gabriel Alén manifestoulles que “a través destas axudas, a Xunta busca contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal aos que destinará 2,5 millóns de euros”

O delegado territorial informou que na provincia de Ourense o ano pasado recibiron estas axudas 34 entidades por un importe total de máis de 511.370 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia cos principais representantes das asociacións de veciños da provincia, entre os que se atopaban a Federación de Veciños Limiar e Agrupación Miño, para informarlles que a Xunta vén de renovar a orde de axudas do plan específico de acción comunitaria na que o Goberno galego mantén o orzamento de 2,5 millóns de euros para apoiar o funcionamento de asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Gabriel Alén manifestoulles que “a través destas axudas, a Xunta busca contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal”. Segundo o delegado territorial, “as subvencións que concede a Xunta financian a realización de investimentos en inmobles da titularidade das asociacións beneficiarias ou sobre os que teñan dereito de uso, e tamén nas infraestruturas de traídas de auga veciñais”.

O representante do Goberno galego subliñou que “os investimentos van destinados, ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades”; e salientou que “tamén son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento”.

Requisitos e contías

A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos. Gabriel Alén informou que na provincia de Ourense o ano pasado recibiron estas axudas 34 entidades por un importe total de máis de 511.370 euros.

As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais. No caso das comunidades de usuarios de auga deben estar legalmente constituídas e inscritas
no libro de rexistros de augas como titulares do aproveitamento de augas para o que solicitan a subvención.

Estas axudas da Administración autonómica permitiron levar a cabo case un milleiro de proxectos nos últimos cinco anos cun investimento de preto de 10,5 millóns de euros. Na convocatoria do ano pasado destináronse 2,5 millóns de euros a iniciativas de 190 asociacións.