O Psdeg-Psoe de Ourense destaca o traballo da militancia trala aprobación unánime da totalidade das máis de cen emendas ao relatorio marco na asemblea extraordinaria

Os socialistas ourensáns amosan a súa “total satisfacción” ante “a cantidade e calidade” das propostas, que son “exemplo do espírito de participación das agrupacións locais”

A xornada, á que acudiron preto dun cento de militantes do PSdeG-PSOE de Ourense, transcorreu nun clima de confraternidade e unión en torno ao proxecto socialista de Pedro Sánchez

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca o “inmenso traballo e implicación” da militancia trala aprobación por asentimento da totalidade das máis de cen emendas presentadas ao relatorio marco do PSOE na asemblea local extraordinaria celebrada este luns con carácter previo ao 40º Congreso Federal dos socialistas, que terá lugar os vindeiros días 15, 16 e 17 de outubro en Valencia.   

Así as cousas, os socialistas ourensáns amosan a súa “total satisfacción” ante “a cantidade e calidade” das propostas, que son “exemplo do espírito de participación das agrupacións locais” e supoñen “unha inestimable contribución de cara a facer do documento marco unha guía inclusiva e integradora, capaz de aglutinar as arelas de todos e todas e de impulsar máis aínda o proxecto socialista”.

Concretamente, as emendas presentadas xiraron arredor de temas “de gran relevancia e calado” como son a atención sanitaria, as políticas tributarias, o desenvolvemento rural, a fenda dixital, a educación universitaria, o desemprego xuvenil, o reto demográfico, a saúde mental, a política forestal, o patrimonio cultural, e de xeito moi prominente, a igualdade e as políticas de xénero, un tema do que se recolleron máis de 50 emendas.

A xornada, á que acudiron preto dun cento de militantes do PSdeG-PSOE e que foi celebrada atendendo ás medidas necesarias para garantir a seguridade sanitaria, transcorreu nun clima de confraternidade e unión en torno ao proxecto socialista de Pedro Sánchez.