O delegado da Xunta supervisa as obras da torre do reloxo de Arnoia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde, Rodrigo Aparicio, o inicio das obras de restauración da torre do reloxo no concello da Arnoia, no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste máis de 74.000 euros.

Gabriel Alén puxo en valor a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso, “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”; e engadiu, “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”. A torre do reloxo é un inmoble protexido polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que as obras propostas contan cun prazo de execución de dous meses e permitirán recuperar o uso orixinal da construción e a posta en funcionamento da sonería das campás vinculadas ao reloxo.

Gabriel Alén detallou que se acometerá a impermeabilización da cuberta, con incorporación de canal perimetral que evite tamén as escorrentías pola fachada; a reparación do catavento; a renovación dos acabados do habitáculo que alberga a maquinaria do reloxo (paramentos verticais e teito); a substitución das ventás de madeira e da porta da planta superior de acceso ao campanario; a restauración da porta de madeira da planta baixa; a limpeza, saneado e acabado de todos os elementos metálicos (varandas, estrutura da campá…); a limpeza xeral da fábrica de granito interior e exteriores; a adecuación do pavimento interior e novo pavimento exterior fronte ao acceso á torre e a renovación da instalación eléctrica e de iluminación eliminando os cables que están á vista

Tamén se levarán a cabo actuacións especificas encamiñadas á restauración e posta en marcha do reloxo como a restauración do badalo da campá e incorporación de motor de tiro para o seu funcionamento, a nova suxeición da campá, a substitución do soporte do badalo, a reparación dos diais do reloxo (de vidro e esmaltados), a restauración das agullas (evitando a súa substitución), a revisión e axuste do patrón electrónico do reloxo, colocación de nova caixa de potencia para a sonería exterior do reloxo e instalación de pararraios.

A torre do reloxo

É unha torre de planta cadrada construída con muros de sillería de granito e rematada cunha estrutura de ferro forxado que sustenta a campá e coroa toda a construción. O corpo de pedra ten unha altura duns 12 metros. Vaise estreitando lixeiramente na súa base a medida que ascende, formando tres corpos diferenciados que rematan nunha pequena cornixa de pedra sobre a que se asenta a estrutura de ferro.

Trátase dunha construción onde os muros constitúen o cerramento e estrutura, a escaleira formada por chanzos monolíticos de granito están trabados nun dos laterais a estes muros. A escaleira ascende seguindo un percorrido perimetral apoiando unhas pezas noutras ata chegar ao forxado de formigón que é o soporte da maquinaria principal do reloxo, na parte superior do corpo macizo de granito. Polo exterior destacan as esferas en tres dos seus laterais.

O campanario de estrutura de forxa coroa a edificación. Ten acceso polo exterior a través dunha escaleira que ascende por dous dos seus laterais ata chegar á cuberta. A varanda da escaleira continúa en todo o perímetro superior da torre. A estrutura da campá susténtase en catro piares situados nas catro esquinas da cuberta. Un soporte de fábrica recolle o contrapeso do batelo.

Todo o interior da torre ilumínase se forma natural a través das dúas ventás situadas no segundo corpo macizo.

A torre foi proxectada nos anos 20 do século XX aínda que non foi construída ata mediados do século. Sufragouna a Sociedade de Arnoia de Montevideo.

A torre que é visible dende todo o val de San Vicente ten un forte carácter simbólico e tamén tiña no seu momento unha importante función social. O reloxo marcaba as horas e así os veciños regulaban as quendas de regadío, especialmente pola noite.