A Deputación e o Concello de Allariz pechan un acordo de colaboración para executar obras de acondicionamento en espazos rurais

Reunión Manuel Baltar (Presedente da Deputación Ourense) con María Cristina Cid Fernández (Alcaldesa do concello de Allariz).

Manuel Baltar enmarcou o resultado do encontro coa alcaldesa, Cristina Cid, “na alianza de colaboración que desde hai tempo mantemos os goberno provincial e municipal”, destacando a execución de obras relacionadas con infraestruturas viarias e dotacións deportivas

A rexedora detallou que a colaboración da Deputación permitirá pavimentar as rúas de diversos núcleos de poboación, ademais de recuperar elementos patrimoniais como fornos, fontes ou lavadoiros

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, pecharon esta mañá no Pazo Provincial un acordo de colaboración para a execución de obras de acondicionamento en espazos rurais do municipio, referidas fundamentalmente a rúas e proxectos de recuperación do patrimonio. Unha liña de cooperación que quedará reflectida na modificación de créditos que se presentará ao pleno do mes de setembro.

Manuel Baltar enmarcou este acordo “na alianza de colaboración que desde hai tempo mantemos os gobernos provincial e municipal”, destacando a execución de obras relacionadas con infraestruturas viarias, beirarrúas e dotacións deportivas. Neste último caso anunciou que en breve asinarase un convenio coa Xunta de Galicia para executar un importante proxecto para o campo de fútbol da vila. O acordo desta mañá entre a Deputación e o Concello, engadiu Manuel Baltar, “supón ampliar ata 150.000 euros a cantidade que se incluirá na modificación de créditos que levaremos ao pleno de setembro”. 

Cristina Cid detallou que a colaboración da Deputación de Ourense permitirá pavimentar as rúas de diversos núcleos de poboación do municipio, ademais de recuperar elementos patrimoniais como fornos, fontes ou lavadoiros. O incremento do apoio económico, explicou, “vai permitir facer fronte ao aumento de custos provocado pola importante suba das materias primas”, centrando as actuacións nos mencionados traballos e aprazando outros proxectos para o próximo exercicio.