Espazo Común presenta ao pleno un plan para que escolas deportivas, culturais e conciliación sexan gratuitos e o servizo de axuda no fogar se rebaixe á metade

A proposta está recollida no Plan de Respiro Fiscal para as Familias do Carballiño e agardamos contar co apoio do resto de partidos para a súa aprobación.

Esta batería de medidas tería un dobre efecto: dar aire ás economías familiares e un efecto chamada para fixar nova poboación.

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello do Carballiño leva feito na prensa centos de anuncios sobre campañas para acadar o obxectivo de aumentar o censo de habitantes pero, na realidade, non se leva feito absolutamente nada de nada.

A pesares dos constantes intentos por confundir á poboación con cifras, o único dato válido, real e oficial é o que se vai aprobar no pleno de mañá mércores do INE (Instituto Nacional de Estadística) que determina que a nosa vila ten 13.932 habitantes, aínda moi por baixo dos 14.000.

Si a isto sumamos as preocupantes cifras de envellecemento da poboación, un dato desolador no crecemento vexetativo (diferencia entre nacementos e defuncións), temos un panorama moi complexo ante o que urxe a toma de decisións.

Ante a falla de acción do goberno municipal do Carballiño, dende Espazo Común propoñemos unha serie de medidas como a gratuidade de moitos dos servizos municipais destiñados ás familias: escolas deportivas, escolas culturais, Conservatorio, servizo de conciliación (Bo día, Familia) e a rebaixa á metade da mensualidade que pagan actualmente os usuarios do servizo de axuda no fogar.

Sen dúbida, suporía un importante balón de oxíxeno para moitos fogares e un empurrón para moitas familias que estean a pensar onde establecerse.

Cómpre destacar que o custo que este plan tería para as arcas municipais é totalmente asumible e irrisorio en comparación coas cifras que se barallan a nivel orzamentario.

MOCIÓN PARA A APROBACIÓN DUN PLAN DE RESPIRO FISCAL PARA AS FAMILIAS DO CARBALLIÑO en base á seguinte

                                                        EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Concello do Carballiño xa hai tempo que deixou de ser unha excepción na preocupante dinámica de perda de poboación que afecta a todo o interior galego e que é especialmente acusada na provincia de Ourense.

A pesares dos continuados intentos do grupo de goberno actual de disfrazar a situación xogando á habitual confusión de cifras e orquestando unha cerimonia da inconcreción á que xa estamos habituados, a realidade só a marca o dato oficial do INE (Instituto Nacional de Estatística). E esta reflicte que xa estamos por baixo dos 14.000 habitantes, 13.911 segundo o último padrón oficial.

Levamos escoitado á súa vez incontables anuncios sobre campañas para acadar o censo de moitos residentes na vila que, por diversas circunstancias, non figuran no rexistro, pero á hora da verdade non vemos que ningún deles se estea a levar a termo.

Non imos descubrir o Mediterráneo se afirmamos que para evitar esta pésima diatriba e revertir a perda de poboación fai falla actuar xa, con medidas concretas que faciliten con moito a vida dos habitantes do Carballiño e que fagan este pobo de novo atractivo para todos aqueles que procuren un lugar onde vivir.

A clave claramente reside nas políticas sociais: a conciliación, a educación, o fomento do deporte, o apoio aos nosos maiores e ás súas familias, o acceso ao emprego…

Dende Espazo Común, propoñemos a este pleno a aprobación dun PLAN DE RESPIRO FISCAL PARA AS FAMILIAS DO CARBALLIÑO.

Unha iniciativa que permitirá aliviar a situación económica da cidadanía nun momento tan complexo, coa inflación disparada e promover o asentamento de novas familias.

O Plan consiste na reducción a cero das cotas das diferentes escolas culturais e deportivas municipais, pasando a ser gratuita para os censados no Carballiño.

Tamén se inclúe nesta proposta o Conservatorio Municipal.

Asemade a gratuidade do servizo de conciliación (Bo día, Familia e Divertiño) permitirá deter a constante marcha de nenos que son escolarizados noutros concellos que o ofertan en moito mellores condicións.

Por último, incluimos unha rebaixa do 50 % na cota a pagar polas familias para recibir o Servizo de Axuda no Fogar, destinado ao apoio no coidado dos  nosos maiores.

Todo este paquete de medidas, suporía poñer a este Concello na vangarda das políticas sociais e fuxir do vagón de cola no que agora nos atopamos.

O custo é perfectamente asumible para as arcas municipais pois segunto a previsión de ingresos que acompaña aos orzamentos aprobados polo goberno para este 2022 (e que, previsiblemente serán prorrogados) o total destes conceptos suma 100.000 € xustos. Unha cifra irrisoria en comparación co remanente manexado este ano.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que se aprobe este PLAN DE RESPIRO FISCAL PARA AS FAMILIAS DO CARBALLIÑO, consistente na gratuidade das escolas culturais e deportivas municipais, do servizo de conciliación e na rebaixa á metade da cota a pagar polas familias beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar.