Felipe Senén: “Contos, medos, amuletos e santuarios das xentes do camiño”

Balcón de Toscaña

Por Felipe-Senén

AVANTAR ACTIVIDADES

Houbo e tivemos a sorte de vivir algo da prehistoria, un tempo no que non había o que hoxe hai, transcurso por camiños que poñen a proba a forza da cultura e a capacidade inventora do ser humano. Non existían móbiles, nin televisións, si acaso radios con reiteradas cancións de Antonio Molina e “partes” … Había periódicos e noticias leídas e contadas, moitos rumores e, iso si, gran capacidade de saber contar,  de teatralizar,  de escoitar e enxergar que é poñer todos os sentidos  e saberes sobre o que nos preocupaba. Eran aquelas improvisadas e naturais escolas de actores e actrices, de mulleres de loito, cubertas de pano e mantón, de cara topografada en regos de penas e ledicias, de bigotudos patrucios pousados, de pana e sombreiro de ala caída e pito a fumegar entre saberes e acenos de  dedos marelos de nicotina… Era aquel o tempo das sombras grises, ao que asomaban casas que mesmo semellaban ter cara: porta como boca, dúas xanelas como ollos e tellado posto como un pucho…  fogares coa lareira na que alampeaba o lume, soltando  fume e faiscas que debuxaban sombras na parede, entre a gramalleira, as barras das que penduraban a modo de grilandas restras de chourizos,  lacóns, touciño. Ambiente de misterio que semellaba amparar espíritos de antes,  entre mobles artesáns ou de diversa procedencia: a artesa, gardadora de economías e secretos, o  escano como tribuna de sabios  e respectados petrucios… Onde non faltaba can e sabio gato, os que, acuruxados ao calor,  percibindo misterios ,adiantábanse  erguéndose e apuntando co rabo e coas orellas. Espazos de sombras e  de moitos ratos, os que nas noites roian no faiado, corrían, rabuñaban, dando idea de cadeas arrastradas, mesmo furando e meténdose entre a mesma xerda, cosco ou lá do xergón, como avisos das señas, renxer do Trasmundo… Novos ritos novos mitos. E como non podía ser doutro xeito vivimos como aquel mundo rural foi, de vagar esvaecendo entre novas edificacións, pisos e apartamentos… Quedou literatura e memoria.

Casas presididas por  sabias matriarcas ou por vellos pousóns patriarcas, de caxato en man, expertos nos camiños, os que  reunindo aos máis novos ao seu redor , subindo e baixando a voz, provocaban a atención e incentivaban o misterio sobre experiencias vividas. Contaban e adornaban as súas andanzas, realidades trufadas de invencións, dese realismo máxico tan característico dos confíns célticos e do que Galiza foi berce. Elas administrando a economía, a organización da casa e das leiras, gardando tradicións e memoria cosidas con antigas relixións panteístas e cristián.

Os contos sobre os fauciosos,  sobre  Pepa Loba… sobre o  sacauntos ou  María Dura….

 Entre aquelas historias faladas perduraron os contos de fauciosos, de  revoltas e guerrillas contra os franceses. Feitos acontecidos polas terras dos ribeiros do Arenteiro e do Avia: como algúns gabanciosos soldados do ben armado batallón napoleónico quedou perdido nas revirivoltas de rios, montes e camiño… para delatado polos cans ser sorprendido por un franciscano, acollelo, acochalo e curalo nunha casa parroquial, mesmo convencelo á causa…e como trofeo ou proba daquela guerrilla conserváronse nas arcas sables, medallas, cintos, gorros, botóns de guerreiras…que logo tamén serviron para lucir no Entroido.

Entre os contos gustaban as historias de medo, servindo ademais como  ritos de pasaxe e de iniciación para os mais novos,  mociños que encetaban os incertos camiños da vida. Historias dos  anos románticos, os fins do século XIX, Cando a gavilla de Pepa Loba, entre a brétema da madrugada e  o bulir polo correr da garrafa e os  grolos de licorcafé, na curva da Reverencia ou no Pozo Negro do rio Asneiros , camiños da Gouxa ou de Lalín, de súpeto, sorprendía e encañonaba á ringleira de feirantes de a pe de carromato, aguilloando ao seu gando: algarabía entre o cheiro a xofre da esfarna  e do sebo animal, asubíos e aturuxos, tamén blasfemias e rinchos dos facos, rodeados e cercados  polos salteadores, homes e mulleres de acabalo, bos xinetes, vestidos de negro, pano tapando media faciana, sombreiro e gorra…  salteadores ben coñecidos pero silenciados polos feirantes e arrieiros máis vellos, mesmo eran tamén  arrieiros, tratantes de cabalos. Entón unha voz feminina, a da Loba, ordenaba aos feirantes  poñerse en fila , mans arriba e, sen chiar,  deixarse baixar os pantalóns e cachearse… “Vostede non señor Benito do Reque que é boa xente quede onde e  tal como está”, contaba o tal….algo de cartos deixaban nos petos dos humildes tratantes  e con  eles levaban algún, xato, cordeiro ou cocho.

Ferradura tras da porta

E sempre entre as sombras da noite  e do camiño o  lobo …

  Contos de riscos e aventuras, de meterse na boca do lobo, de pezoñas de serpes e bichos que eran coutadas polas meigas…E , moi de cando en vez, interpóndose e asomando no camiño e na  noite,  os ollos escintilantes do respectado lobo. O tema do lobo merece capitulo e aparte na mitoloxía celta, inseparable das historias contadas, pánico dos gandeiros. Lembro, ala a fins dos cincuenta a exposición pública ás portas do Hotel Celia, dun gran lobo abatido, a concorrencia e o pasmo dos mais novos: a patas atadas a un pau, os seus ollos  vidrosos perdidos no máis alá …e os seus afiados dentes caninos co fruncido derradeiro xesto de terror… entre o pelexo áspero e teixo do corpo mol o sanguiñolento furado provocado polo tiro.

Mitos e historias de lobos non faltaban, mesmo dando voltas á acontecida na metade do século XIX en terras do Rodicio e do Monte Medo, a de Manuel Blanco Romasanta , o “ Home lobo”. Caso diagnosticado polos sabios románticos como de licantropía. Historia que tanto se levou á novela de Carlos Martinez Barbeito “O bosque de Ancinnes” (1966)  como á de Alfredo Conde “Romasana, memorias incerta do home lobo” ( 2004), ambas as dúas serviron tamén de guión de cine. O tema préstase,  a historia real do asasino envolta no alo e aporte popular de tradicións célticas. Acontecer que avivou os contos asustanenos arredor dos entarangañados  “homes do saco”, “sacauntos”,  misteriosos homes e mulleres dos camiños,  arrieiros, tratante de pelexos e  graxas, do unto, tan necesario para ungüentos como para a fabricación de xabóns…  algúns do Carballiño.  Ao respecto lembramos, asociada ás industrias da gandería, das carnicerías e dos curtidos, a fábrica de xabón de Carrás, a carón da vella ponte, camiño do cemiterio de Señorín: provisional arquitectura, galpón en madeira, gardador dunha vella camioneta Doge que alí foi podrecendo… sitio propicio a ambientar historias daquelas.

 A revirada historia de María Dura, como moitas acontecidas en escenarios de casas solitarias do monte, entre nubes esfarrapadas, lúa chea asomando e o lobo ouveando ao lonxe…. unha sacauntos, que se dicía visitadora de tumbas, atemorizadora de nenos, buscadora de “asaduras”, pelexos para asar e comer con boroa… Historia para contar increscendo cunha voz ecoante e cavernícola :¡¡¡¡…. Mariaaaa Duraaaaaaa ondeeeee tessssss a asaduraaaaaaa….!!!!e as labaradas da lareira dándolle vida ás sombras. Entre outras historias de cemiterios, como a dos enterrados vivos….

E aqueles contos de viaxeiros, de peregrinos,  por lugares próximos entre nós considerados sacros: A Virxe e o panadeiro egoísta do pozo do Lago…. co conseguinte castigo asolagando a aldea “lago te asolago do arriba para abago…”  Contos de trasnos e aparicións  acontecidos arredor da soidade de sitios como o  monte de San Trocado, as Adegas, a Pena dos Namorados, o monte de Miomás, os de Astureses… Lembro contar aos irmaus Reque, Cundo, Avelino, Bautista, como na noite da madrugada e na Curva da Ferradura avistaron no ceo como se abría e pechaba un gran abano de luz…case unha aparición divina.

Libros, esconxuros, amuletos, devocións e romarías

Mundo  aquel de incertezas, onde non faltaban meigas que botaban as cartas, nin curandeiros ou sabios magos en agoirar pola sorte do paxariño, polo aire e as nubes ou por que si. Universo de trasnos no camiño, de mouras, xianas, de aparicións e desaparicións… de lectores de grimorios e do libro máxico do San Cibrao, “o Ciprianillo”,  tan seguido por entoleirados buscadores de tesouros…. por algo santo Cibrao confuso entre o de Antioquía, mago que se di falsamente autor do devandito libro e o de Cartago, patrón do Carballiño.  Tendo a Raíña dos anxos, bos e malos (entre estes o Anxo Caído, o Demo)  concorrido  santuario onde esconxurar  e exorcisar ao mal e a Satán, o do Corpiño en terras do Deza.

Anxo e Demo (Debuxo F. Senén)

Realidades e fantasías que tanto somaban entre as sombras do camiño como da casa: as míticas mouras, as señas,  a aparición da esbrancuxada estantigua, da santa compaña…pávidas aparicións dando consellos de futuro aos camiñantes, reclamando perdón, confesando culpas entre arrecendo a cera, incenso e crisantemos e arrastrar de cadeas na noite…  Cada tempo co seu repertorio de contos, como os de Nadal, entre o bater das campás e sempre de boas noticias, os de Semana Santa seguindo o viacrucis… Contos nos que o animismo panteísta da vida á paisaxe, interviren os animais,: o canto da pega enganando ao camiñante: “chas chas por aí ben vás….”, o xílgaro orientando ben. “Pi, pi, pi, si, si, si…” O ouveo do can anunciando a morte, o gato negro atravesando os camiños….  a figura do cervo aparecendo no monte, símbolo de vida, pola contra o voo do  acharoado corvo…. xeitos vivos da antiga aruspicia.

Contos, imaxinacións sobre a vida e a morte da xente dos camiños, das feiras e das romarías, entre tratantes, gandeiros, adiviñadores, cegos de cantares, moinantes…. Con casas que no balcón, no cimo do tellado ou tras a porta tiñan os seus símbolos, amuletos preventivos: a cornamenta do macho castrón,  a ola de barro como vertendo fartura, a silueta do galo, asuntos que aínda se conservan por varias partes ourensáns. No Carballiño aínda queda cravada tras dalgunha porta de entrada a ferradura dun cabalo, mellor de sete buracos, a restra de allos, a mazorca de millo tripla…. Onde o amuleto no peto ou na alforxa era unha estampa, a  medalliña co santo da devoción, sempre a cruz, o escapulario, si acaso e indo máis alá nas tradicións o cuarzo branco que tanto se atopa nos castros e se asocia cos raios das treboada, a figa en relación coa fecundidade, os cornos de vacaloura….

Xentes coas súas devocións, entre as máis seguidas  no almanaque anual, e cada cal coa súa especialidade, foron: polo San Brais o San Trocado do San Amaro, o domingo de Pascua as Areas de Cenlle, o 21 de Marzo o San Bento do Marañao;, o 22 de maio a Santa Rita de Dacón, o 21 de xullo a Madanela de Lobás, a finais de Xullo o San Campio de Covas de Cea,  e o tan celebrado 8 de setembro  con romarías no santuario dos Remedios na ponte vella de Ourense, nos Milagros de Molgas, na Peneda do Leboreiro en Portugal… e cada 19 de setembro, poñendo fin ás festas maiores do Carballiño, a Saleta. Onde en  parroquias se veneraban tamén estrañas imaxes de  santos, como a de  Becoña  ou se practicaban curiosos ritos como o realizado na  igrexa de Partovia onde ofrecían a roupa vella dos nenos que tiñan o enganido para deixala sobre o tellado e de seguido para poñerlle nova…Vidas de camiño onde se venera a santas e santos de camiño: de xeito moi especial á Dolorosa, a san Antonio e ao San Bento, a San Roque…

Ofrenda Tellado Igrexa de Partovia

Contos  divinos e humanos, cosidos  co realismo máxico, con esas pingas e salsa de retranqueira  leria. Repertorio no que aínda quedaba ansia de convidar aos incrédulos forasteiros á pesca ou á caza dos biosbardos ou dos gamusinos…  fantasías que se perdía nos entón comunais  montes de Mesego, Arcos, Dacón ou de Astureses. Berce do realismo máxico


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “Felipe Senén: “A Rosa, a flor de Flores””

Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño