Gabriel Alén supervisa no CPI Terras de Maside o desenvolvemento do programa de apoio e reforzo asistido por cans dentro da iniciativa Edu Innova da Xunta

  • O delegado territorial da Xunta explicou que a iniciativa de Contratos-Programa trata de constituír un instrumento de apoio aos centros para que poidan desenvolver un plan de mellora no que se permita impulsar unha educación para o desenvolvemento sostible e mellorar a xestión dos centros
  • Gabriel Alén  detallou que a liña un desta iniciativa, para impulsar o centro docente como entorno innovador de aprendizaxe a través da mellora permanente,  se desenvolve en 22 centros
  • No caso do CPI Terras de Maside implementouse o Programa de Apoio e Reforzo Asistido por Cans; onde un can participa acompañando ao alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria en determinadas actividades
  • O can convértese nun estímulo extraordinariamente útil para o alumnado con necesidades educativas especiais

Ourense, 02 de marzo de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao CPI Terras de Maside para supervisar da man do equipo docente a implementación do Programa de Apoio e Reforzo Asistido por Cans dentro dos Contratos-Programa que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades botou a andar neste centro educativo.

O delegado territorial explicou que esta iniciativa trata de constituír un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora no que se permita, en función das necesidades detectadas e do proxecto educativo, potenciar, de forma prioritaria, o desenvolvemento das competencias clave, afondar no logro da excelencia educativa, incentivar o talento do seu alumnado, promover hábitos de vida saudables, impulsar unha educación para o desenvolvemento sostible e mellorar a xestión dos centros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén  detallou que a liña un dos contratos-programa, dirixida a impulsar o centro como un entorno innovador de aprendizaxe a través da mellora permanente (EDUinnova) desenvólvese en 22 centros da provincia de Ourense e encadra coas directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica no que se establece una clara aposta polos centros con espazos máis saudables, edificios máis integrados coa contorna e a paisaxe, e cun claro obxectivo de mellora da súa sostibilidade, os CPInnova supoñen unha ferramenta máis, posta ao servizo dos proxectos educativos dos centros docentes.

Con este fin, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade facilita aos centros novos instrumentos que lles permitirán acadar os logros que perseguen. Os Contratos-Programa dan mostra do compromiso da administración educativa por ofrecer aos centros educativos oportunidades e recursos para desenvolver os seus proxectos dende un enfoque innovador, e seguir afondando na procura de estratexias para cambiar dinámicas e adoptar enfoques metodolóxicos novidosos.

O programa de apoio e reforzo asistido por cans

No caso do CPI Terras de Maside implementouse o Programa de Apoio e Reforzo Asistido por Cans; onde un can convenientemente adestrado en Asturias para o programa, participa acompañando ao alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria en determinadas actividades, tanto de aula (fundamentalmente en actividades desenvolvidas na biblioteca do centro) como complementarias.

O can convértese nun estímulo extraordinariamente útil desde distintos puntos de vista: favorece a motivación, a dinamización dos procesos de ensino-aprendizaxe, as relacións sociais, a convivencia, a empatía, a comunicación, a educación en valores… É especialmente útil para o alumnado con necesidades educativas especiais.