Rueda en Verín: “Galicia debe fuxir da división que provoca o desgoberno da Moncloa e que afecta á chegada dos trens de alta velocidade, dos médicos especialistas ou dos fondos europeos”

Hoxe, nun mitin organizado polo PP de Verín, no que deu a benvida o exalcalde Juan Manuel Jiménez Morán

O presidente do PPdeG asegura que Lara da Silva e o PP de Verín teñen potencial para devolverlle a ilusión e a confianza aos veciños

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar afirma que a candidata e o seu equipo teñen un proxecto “xoven e ilusionante” para aproveitar as enormes potencialidades de Verín

Lara da Silva promete un partido solvente, fiable e que sempre estará escoitando aos veciños para facer unha política construtiva

  • A candidata ten decidido cal será o novo rumbo da vila se gaña as municipais porque representa a unión de moitos veciños baixo as únicas siglas que poden representar a súa maneira de ver o concello
  • Rueda puxo en valor a incorporación de xente formada e preocupada polo presente e polo futuro: Voces renovadas, cargadas de ideas e conscientes de todos os problemas que arrastra a vila nos últimos anos. O PP de Verín é un exemplo de como se pode chegar a unha renovación de candidatura desde o consenso e desde o traballo en equipo
  • Agradeceu ao exalcalde Juan Manuel Jiménez Morán que non deixara de defender os intereses dos veciños todos estes anos, sendo un gran servidor público por vocación, pero tamén que fose capaz de dar o paso para que Lara da Silva asumise o reto de presentarse con todo o entusiasmo do mundo a unha posición que parece feita á súa medida
  • O presidente dos populares galegos aposta por unha renovación e un proxecto que ilusione para recuperar o tempo perdido por gobernos divididos e a política que enfronta aos cidadáns en dous bloques nos que ou estás comigo ou estás contra min coma sucede en Verín ou como se reflexa no día a día do Goberno de España
  • “Galicia non precisa a división que o nacionalismo e o independentismo provoca noutros lugares, nin tampouco o desgoberno da Moncloa”, dixo, e recordoulle ao Executivo de Pedro Sánchez as súas obrigas que a Comunidade leva moito tempo agardando: a chegada dos trens de alta velocidade a toda a Comunidade, as reparacións das autovías, os médicos especialistas e os fondos europeos pendentes
  • Fronte aos problemas que exportan outras forzas políticas, o PP e os seus candidatos teñen ganas de servir aos cidadáns desde o día seguinte das eleccións: “O 28M xóganse moito os veciños que queren facer progresar os seus municipios e o maior seguro que se pode ter para a vitoria é formar parte do equipo grande, formar parte do PP”, concluíu

MANUEL BALTAR: “LARA DA SILVA É UNHA LÍDER”

  • O presidente provincial avalou a experiencia e xuventude da candidata como unha persoa formada, con capacidade de traballo e con acreditada experiencia na xestión pilotando o buque insignia agroalimentario e un dos referentes da provincia, como é a DO Monterrei: “Lara da Silva é unha líder que vai instaurar unha nova etapa en Verín”
  • Baltar considera que se converterá en alcaldesa para moito tempo e deixará atrás “anos de parálise, sen ningún proxecto transformador, e no que os veciños foron testemuñas do peche de locais comerciais pola perda de oportunidades e a desidia xeneralizada no goberno municipal”
  • A alternativa que ofrece o PP é un equipo de traballo con capacidade de xestión e de tecer proxectos de colaboración coa Deputación de Ourense, a Xunta e Galicia e, máis pronto que tarde, co Goberno central presidido polo ourensán Alberto Núñez Feijóo. “A candidata e o seu equipo ofrecen un proxecto renovado e de ilusión para desenvolver nos próximos anos e aproveitar as enormes potencialidades de Verín”, afirmou
  • “A Deputación sempre estará ao carón da vila. No Plan de Mandato 2127, este concello e toda a comarca ocupan un lugar referencial, con iniciativas estratéxicas en eidos como o termalismo, o turismo enogastronómico, as políticas sociais ou o futuro do Castelo de Monterrei”, concluíu

LARA DA SILVA GARANTE TRANSPARENCIA, FIABILIDADE E PROFESIONALIDADE

  • A candidata popular prometeu un partido fiable, solvente e transparente que sempre estará escoitando activamente aos veciños para facer unha política construtiva fronte á proposta do resto de forzas política que conformaron un “goberno que viviu de rendas porque todas as grandes infraestruturas da vila foron proxectadas e pagadas grazas á xestión do Partido Popular”
  • “O noso partido non conta contos. Cando asumín este reto, fíxeno coa convicción de quen sabe que ao xogo da xestión pública ningún outro partido lle gana ao PP, porque é, por enriba de todo, o Partido de Verín”, quixo destacar
  • Lara da Silva comprometeuse a dar resposta a todos os cidadáns e a solucionar os seus problemas: “O 28 de maio decidirase se seguimos hipotecando o futuro. A xente que aposta cada día por Verín, que abre novos negocios ou que mantén establecementos familiares, merece moito máis do Goberno municipal”
  • As súas propostas electorais están encamiñadas a mellorar a economía do Concello: “O PP propón a creación dun parque loxístico no polígono de Tamagos, coas parcelas xa localizadas no mapa. A construción dunha escola infantil para 75 cativos, nun terreo da Xunta, que xerará 14 postos de traballo. Esta rigorosidade e coñecemento do territorio a aplicamos tamén para a rehabilitación do balneario de Caldeliñas, a promoción do deporte no concello, as axudas ao comercio e á hostalería ou a impulsar o sector industrial”
  • A candidatura dos populares está formada por xente traballadora que “arriscou en Verín e que quere sumar na vida dos veciños”, afirmou antes de dicir que están “cheos de ilusión para acadar un cambio real contando con todos os que estiveron a carón do PP pero tamén os que apostaron por outra formación política: Este é un equipo que ven para ser o Partido de Verín. Voten por Verín”, finalizou da Silva