O BNG creará no vindeiro mandato unha Xerencia de urbanismo “que axilice trámites, rehabilite vivenda pública e controle, fiscalice e unifique criterios nesta Área do Concello”

O candidato á alcaldía Luís Seara ten claro que “non podemos falar de dimanización social e económica se non pomos todas as ferramentas e todos os medios para que iso sexa posíbel”.

Ourense, 16 de maio de 2023. O urbanismo e a súa xestión son un elemento fundamental para o desenvolvemento non so urbano senón social e económico para o BNG. Á necesidade de aprobar canto antes un novo PXOM, engádeselle segundo o actual portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara “a necesidade de desengraxar a Concellería de Urbanismo e axilizar trámites e expedientes”, e engade, “non é de recibo que persoas que queren iniciar un proxecto profesional e que mesmo se hipotecaron para levalo adiante, atopen un Concello lento e incapaz de dar unha resposta rápida”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o BNG propoñen a creación dunha Xerencia de Urbanismo “encargada de coordinar todo o traballo que se desenvolve en urbanismo, de facer seguimento a todos os expedientes que se inician e mesmo de unificar todos os informes precisos en cada un deles”.

Outro dos obxectivos, segundo Luís Seara, será a de “adquirir solo e vivendas en estado ruinoso, sobor de todo, na zona histórica, para a súa rehabilitación e posta a disposición da veciñanza máis vulnerábel así como das mozas e mozos que queiran independizarse e iniciar un proxecto de vida a prezos de aluger acesíbeis”.

Por último, desde a formación nacionalista entenden necesario que sobre a Área de Urbanismo “exista un control e unha fiscalización política e técnica que faga que todos os procedementos sexan claros, transparentes e con unificación de criterios”.