Máis de 200 persoas daranse cita este domingo na V edición da andaina solidaria Ruta Porta do Canón do Sil

Máis de 200 persoas daranse cita este domingo, 25 de xuño, na quinta edición da andaina solidaria Ruta Porta do Canón do Sil. A proba está organizada pola Asociación Cultural Os Xuncos e conta coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Xunqueira de Espadanedo. O recadado na andaina irá destinado á investigación do cancro infantil e a enfermidade de Duchenne.

O vicepresidente primeiro en funcións da Deputación, Rosendo Fernández, participou esta mañá no Pazo Provincial na presentación da proba acompañado polo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Carlos Gómez, e a presidenta da Asociación Cultural Os Xuncos, María Alonso. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A andaina comezará ás 09,00 horas do domingo e está deseñada para que os participantes poidan descubrir o patrimonio cultural e natural da Ribeira Sacra.

Existen dúas posibles rutas na proba. A primeira ten un percorrido de 17,21 quilómetros en plena Ribeira Sacra e segue un itinerario recentemente sinalizado e acondicionado. No traxecto conta con varios carteis de información, dous puntos de avituallamento e un par de miradoiros -“O banco” e “As cadeiras xigantes”-. O inicio e final do percorrido é o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, un dos máis destacados da Ribeira Sacra. Esta edición tamén inclúe unha ruta de 8,5 quilómetros, máis accesible para todos os públicos e cun punto de avituallamento. 

Segundo explican os organizadores, “o obxectivo  da V Ruta Porta do Canón do Sil é fomentar o patrimonio natural e histórico do noso municipio, o sendeirismo, a vida sa e valores como o compañeirismo, o esforzo e o respecto pola natureza”. 

As inscricións estarán abertas ata o 25 de xuño -o prezo é de 12 euros- poderán realizarse no Concello de Xunqueira de Espadanedo de forma presencial, no teléfono 988 291 001 ou a través da súa plataforma web.