A MIT presenta novidades dentro das súas actividades paralelas desta edición de 2023

Destaca o Servizo de conciliación familiar. Ludoteca teatral da MIT

O Servizo Municipal de Ensinanzas Teatrais do Concello de Ribadavia, en colaboración coa MIT, ofrece este servizo de conciliación, coordinado por Rosa Puga Davila, actriz e directora da Escola Municipal de Teatro de Ribadavia. para que as nenas e nenos se acheguen ao teatro dunha maneira creativa e divertida mentres os seus pais e nais poden ir aos espectáculos do Castelo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Especialmente dirixido para rapazada de entre 7 (primeiro ano de Primaria) e 12 anos, os obradoiros de conciliación estarán operativos, previa inscrición, todos os días da MIT, na Casa da Cultura, entre as 22h00 e ata que finalice a función do Castelo.

Límite: 15 persoas.

Lugar: Casa da Cultura, Avda. Redondela.

Pódense resevar prazas na Oficina da MIT. Rúa García Penedo, na entrada da Praza Maior.

Resalta tamén o Proxecto Memoria do Teatro Galego. En colaboración co Consello da Cultura Galega, que a MIT acompaña cun espectáculo teatral itinerante coa compañía galega Os Quinquilláns, que sairá da Praza Maior para percorrer lugares emblemáticos da historia de Ribadavia vinculada coa cultura e o teatro da Transición.

As Xornadas do CCG Terán lugar o venres 21 e sábado 22 de xullo, onde se presentarán avances dos catro capítulos que compoñen a peza audiovisual dirixida por Tito Asorey: o primeiro capítulo sobre o teatro independente en Galicia, o segundo sobre as Mostras de Abrente, o terceiro sobre a creación do Centro Dramático Galego e a MIT en 1984 e o cuarto sobre as mulleres no teatro galego. Esta reconstrución da memoria dos anos setenta e oitenta do século XX, realízase a partir da recompilación dos feitos e das creacións que podemos considerar fundacionais do teatro profesional galego, por medio de entrevistas rexistradas en audiovisual e coa participación das persoas que foron (e son) parte activa do movemento teatral independente galego.

Pola súa parte, Os Quinquilláns presentarán unha montaxe teatral ad hoc cun actor e unha actriz, para representar en varios espazos do casco histórico de Ribadavia con vestiario e atrezzo adaptados á época e guión creado para a ocasión baseado no medio século de Teatro desde a Mostra de Abrente de 1973 ata o teatro galego máis recente.

Hoxe, día 30 de xuño, remata a venda de abonos con demanda histórica, máis de 120 localidades reservadas para todos os espectáculos do Castelo. A partir de agora xa se poden mercar as entradas individuais, tanto para o Castelo coma para a Igrexa da Madalena e a Casa da Cultura en ataquilla.com ou mitribadavia.gal