Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

Dedicado a Silvana Bugallo e a Carlos Loira, que se converten hoxe nos representantes de todas as miñas exalumnas e de todos os meus exalumnos que cos seus pertinentes comentarios me achegan información e apoio para a estas reflexións

Actualmente, vivimos instalados nun mundo de inmensas precariedades, de abundantes esencias periféricas e de escasas conviccións. Aos poucos imos narcotizando a nosa memoria, postergando a historia e cultivando a continxencia dos continuos cambios de estilo. A realidade desprazouse cara a horizontes tan afastados que o seu acceso resulta case imposible, polo que a percepción se transforma nunha distorsión especular moi pouco fiable. Estamos a deixar de utilizar os conceptos como explicación e argumentación para servirnos da metáfora como sucedáneo. A insubstancialidade converteuse no disolvente universal de case todas as emulsións epistemolóxicas adquirindo consistencia como fundamento dialéctico dos paradigmas posmodernos.  

Reflexionando sobre o acaecer na sociedade comprobamos como a persoa vai quedando devaluada na súa esencia. Téntase diluír, en efecto, a súa identidade na máis absoluta indeterminación coa pretensión de socavar a súa existencia persoal e substancial. Observamos con profunda sorpresa como a persoa foi desposuída dos seus dereitos, que foron substraídos aos poucos por entelequias institucionais que actúan ao seu antollo, pero sempre en interese de quen as encarnan. O individuo perdeu o seu protagonismo na historia para acabar sendo engulido por incalculables organismos formais cuxa identidade resulta cada vez máis opaca e menos transparente. A persoa foi desposuída da súa semántica para quedar reducida exclusivamente ao seu papel sintáctico; tan só queda a carcasa, porque as pezas desapareceron. A ideoloxía trata de impoñerse á bioloxía.

No formato social da posmodernidade os seres humanos aparecemos como simples guarismos matemáticos sometidos ao capricho dos algoritmos. Somos números sen rostro. Os parados aparecen nas estatísticas mensuais en cifras porcentuais sen ningunha relación á súa familia, aos seus sentimentos, aos amigos, á saúde ou ás doenzas… O leviatán hobbesiano crece cada vez máis e progresivamente necesita máis alimento para nutrirse. Desenvolveuse de forma tan monstruosa que os cidadáns nos vemos incapaces de percibir os seus ollos, de recoñecer a súa cara e a súa cabeza, de investigar as súas contas bancarias… Estamos tan despavoridos que nin sequera nos atrevemos a criticar a súa voracidade desmedida. Xulgámolo responsable dos nosos grandes males, das nosas interminables crises, da nosa perda de valores e dereitos, da nosa desorientación no mundo, pero calamos e non ousamos rebelarnos por temor a ser “vaporizados” polo insog orwelliano nesta sociedade distópica que vai máis aló de 1984.

O rol das ideoloxías e o papel dos intelectuais

O concepto “ideoloxía” estaba reservado no século XIX ao debate intelectual, pero no século XX converteuse no vehículo de grandes movimentos sociais e no torneo do desprezo ao pensamento utilizando como soporte as grandes masas adoutrinadas polos novos medios de comunicación, pola propaganda, pola violencia e pola represión. Na etapa de entreguerras, as ideoloxías políticas enfrontadas entre si eran, fundamentalmente, o fascismo e o comunismo. Con todo, sobreviviu o liberalismo do século XIX na súa versión democrática, contra o que se posicionaban tanto o fascismo como o comunismo. De igual modo, resistiron no pasado século XX o conservadurismo, o socialismo democrático, o anarquismo e os nacionalismos.

Entraron con brío e vehemencia no século XX o feminismo, o pacifismo, o ecoloxismo, os movementos pola igualdade racial e o recoñecemento da identidade sexual, que son ideoloxías non estritamente políticas pero con vocación transformadora da sociedade.

As ideoloxías tranformaron radicalmente a psicoloxía da persoa, modificaron a escala de valores, instalaron unha nova socioloxía e mesmo crearon controvertidos criterios antropolóxicos nos que asentar a convivencia, as relacións de parentesco e de convivencia familiar. Minguaron as liberdades individuais fronte ás liberdades estatais e colectivas; modificouse o concepto de xustiza co incremento da xustiza social en detrimento da individual, e perderon relevancia as tradicións nos costumes e na moral.

Fronte ás ideoloxías deberían intervir os intelectuais proporcionando  argumentos, aportando profundas explicacións da realidade e propoñendo estratexias e medios alternativos aos que se utilizan á marxe da crítica. Os intelectuais son quen marcan o devir da sociedade por medio das súas ideas con publicacións, a través das súas clases na Universidade, mediante conferencias nos distintos foros e incluso dentro das institucións. Intelectual é toda persoa que traballa na creación e difusión das ideas; son persoas que contribúen á cultura dunha sociedade abrindo itinerarios alternativos polos que poder transitar coa finalidade de conseguir obxectivos de formación persoal e de benestar social.

O papel dos intelectuais é fundamental porque son eles que a través de certas ideas -emitidas nos medios de comunicación, nas publicacións, desde a cátedra da Universidade- definen e determinan a evolución social e institucional dun país. O seu é un papel que non se percibe nin se cuantifica, pero resulta fundamental dadas as súas ideas que son as que van decidir a evolución social. Non se pode negar que nalgúns casos os intelectuais son os responsables das maiores atrocidades e dos grandes crimes da historia, como sinala Karl Popper. Gramsci referíase ao intelectual orgánico como o intelectual que avanza cara a unha determinada causa, que actúa como punta de lanza de determinadas ideas e grupos de interese. Pero aquí eu non paso de acusar o seu papel improcedente, pero sen pretensión ningunha de incidir máis do preciso nese singular perfil do intelectual.

As mensaxes dos intelectuais repercuten, sen apenas decatarnos, na nosa forma de ser e de actuar; a importancia que teñen as súas ideas e incluso a súa linguaxe condiciona a nosa forma de pensar e de interpretar o mundo. É tal a influencia dos intelectuais nas nosas vidas que mesmo deciden as nosas preferencias electorais; e a nivel social, son eles quen determinan o tipo de política económica e pública dun país.

Unha sociedade democrática debe estar ben formada intelectualmente para que sexa quen de entender, xulgar e incluso criticar esas ideas creadas pola intelectualidade sen ser manipulada. O punto de partida debe estar, xa que logo, na formación dos cidadáns e cidadás desde os primeiros anos de vida, sobre todo nos centros educativos e na familia, onde reciben as ferramentas imprescindibles para desenvolverse no futuro. Só así se pode consolidar a democracia e deseñar un futuro ideal para as persoas. Do contrario, podemos construír un mundo inhabitable. Xa nolo advertía Herbert Marcuse no 1967:

“Hoxe podemos converter o mundo nun inferno; e estamos no bo camiño de facelo. Pero tamén de transformalo en todo o contrario. Este final da utopía pódese entender agora, nun senso moi preciso, como final da historia, na forma de que as novas posibilidades dunha sociedade humana e do seu mundo circundante non son xa imaxinables como continuación das vellas. Agora non se poden representar no mesmo continuo histórico, pois presupoñen unha ruptura precisamente co contínuo histórico; presupoñen a diferenza cualitativa entre unha sociedade libre e as actuáis sociedades non-libres” (H. Marcuse: O final da utopía).

Faltan neste país intelectuais comprometidos coa sociedade; e dos poucos que hai, fáltalles valor para expresaren o que pensan por temor a ser considerados politicamente incorrectos. O seu natural e sociolóxico liderado na función social quedou eclipsado por outros intrusos da comunicación e da publicidade.

O escritor españo José María Pemán tratou en máis dunha ocasión o tema da traición dos intelectuais. Citando a Ortega e á súa obra La rebelión de las masas, destaca como as masas abandonaron o seu lugar, “que no es un puesto directivo, sino de acatamiento” e ocupan un lugar de mando. O intelectual, en lugar de impoñer as súas “ideas selectas” e atraer cara a elas ás masas, o que fai é someterse a este movemento de mediocridade. O intelectual abandona a súa busca da verdade: “no es ya el hombre de la verdad, sino del pensamiento”. El intelectual “no se interesa por el fin, sino por el medio; no le preocupa que la verdad triunfe, sino que el pensamiento sea libre”.

As ideas dos intelectuais foron substituídas polas arengas dos políticos, polas exhortacións e persuasións dos influencers, polas retransmisións de eventos sociais  dos que se encargan os streamers, polos programas ideoloxizados de debate na televisión, polos programas de “contenidos zafios y vulgares” (RAE) das diferentes canles televisivas… Bebendo nestas fontes pedagóxicas non é difícil explicar a desinformación e ignorancia social na que habita a cidadanía e, consecuentemente, do pasmo que provocan nos propios desinformados as súas condutas absurdas e carentes de lóxica. Persoas consideradas intelixentes actúan na súa vida co sarillo da ideoloxía sen ser conscientes de estaren enxauladas nela. A ideoloxía converteuse nun andazo perigoso para a persoa e para a democracia, pero para o que de momento falta terapia eficaz.

Tocounos, pois, vivir nunha sociedade excesivamente ideoloxizada que se acomoda con total naturalidade ao corpiño das culturas efémeras, ao consumo de gustos ordinarios e de secuelas temerarias, á estética intelectual de modas carentes de elegancia, e que se esqueceu de rebelarse contra a sumisión á vulgaridade e contra o imperio da simpleza.

O gran filósofo Jesús Mosterín manifestouse en máis dunha ocasión preferir un Estado gobernado por tecnócratas que por políticos que responden a unhas siglas: “No me gustan las ideologías, son hijas de la superstición; vivir en la ideología es como renunciar a la mayoría de edad”. Comparaba o ideólogo a un profeta con programas e promesas que ao final acaban en fenómenos como o nazismo. Estaba convencido de que son mellores os políticos sen ideoloxía que os ideoloxizados, porque en situacións de crise, parte desta é causa a ideoloxía.

Hai que ser, por ende, racionais, e na convivencia procurar o propio interese, harmonizado coa solidariedade. Resulta inconcebible que haxa ideoloxías adosadas ao concepto de nación, de bandeira, de partido ou de calquera outra entelequia social que consideren a cada unha destas como unha divindade á que deben servir, e defendan que as decisións e intereses dos individuos son menos importantes que ditos símbolos. Debemos reivindicar a defensa da liberdade individual fronte á arrogancia dos políticos ideoloxizados e fronte a entidades estatísticas hipostasiadas como a nación, a bandeira ou o partido.       

      

Que importante é dispoñer dun filtro que separe as informacións claras e fiables das confusas e falaces! Ese filtro -dicía Mosterín- é a filosofía, que practica a instancia da crítica, pola que saen as ideas máis fiables unha vez que foron escoadas da charlatanería. As ideoloxías relixiosas e políticas causan catástrofes por falta dunha crítica filosófica adecuada. A importancia da filosofía consiste nas estratexias que nos ensina para pensar de maneira crítica. En contraste coa ideoloxía, a filosofía é un exercicio intelectual afastado de dogmatismos e de actitudes mentais pechadas.

 Na mesma liña de Jesús Mosterín situouse Hannah Harendh, que sempre rexeitou dentificarse con calquera ideoloxía, incluída a sionista na que nacera. Defendeu a liberdade persoal ao mesmo tempo que desprezaba as colectividades e as entidades abstractas: “Nunca na miña vida amei a ningunha nación ou colectivo; nin ao pobo alemán, nin ao francés, nin ao norteamericano, nin á clase obreira, nin a nada semellante. Só amo aos meus amigos e o único xénero de amor que coñezo e no que creo é o amor ás persoas” (Verdade e mentira na política).

Tanto nas mensaxes de Mosterín como nas de Hannah Arendh temos unha invitación ás mentes curiosas a coñecer a razón de ser das cousas e dos seres humanos, desde o básico ao máis profundo. Ambos nos ofrecen unha saída, amable e sosegada, racional e pragmática, dunha sociedade atada contumazmente ás ideoloxías, falta de intelectuais comprometidos e nun devalo acelerado da liberdade persoal.

Somos náufragos posmodernos incapaces de solicitar axuda desde a ondada que nos arrastra no seu vórtice degradante lonxe da beira consistente da autonomía e da baliza brillante da razón. Pero esta situación xa foi profetizada no pasado recente. Sobre esas profecías e posibles táboas de salvación dos náufragos posmodernos reflexionaremos dentro de pouco.


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.