Felipe Senén: “Os programas de man das Festas Maiores do Carballiño”


Por Felipe-Senén

As festas significan evasión, un xeito de catarse individual e colectiva,  de afirmación na tradición popular e na innovación, a exposición e escaparate da capacidade creativa: estoupar de luces, cores, sons, músicas, algarabías, bailes, abundancia, xantar enxebre, fastío de arrecendo a azucre, ás farturas que din os irmáns portugueses. Baile de sensacións, de cheiros mesturados cos do incenso e a pólvora, proba de que o profano e o sacro seguen a collerse da man.

AVANTAR ACTIVIDADES
Festas Carballiño – 1944- Cartel Fumega

As festas do Carballiño, como todas, especialmente en Galiza, moito teñen de feira e velaí nesta encrucillada, entre a montaña e os ribeiros, o gran feirón do dezaseis de setembro, tempo despois da vendima, cando se abren as portas dos preparativos para o outono: mercado do gando, das vacas e sobre todo dos porcos, animaliños aos que, en breve, lle tocará o seu San Martiño. Festas as do Carballiño que foron e son referente, polas atraccións, as orquestras, onde non faltaba a Poceiro,  Nuevos Ritmos, os Satélites, os Travadores, os Cunters, a París de Noia…e sempre a nosa orquestra Millara, os músicos convidados, Juan  Pardo e logo Junior, Andrés do Barro, Victor Manuel, Norma Duval, Rosario, La Unión, Presuntos Implicados, Mocedades,  Loquillo, Pimpinela, Azucar Moreno, Carlos Baute, Bustamante, Luar na Lubre, La Frontera … fervedoiro de entusiasmo, ir e vir de xente, sen faltar  gran sesión de fogo fixo e voador e que os de antes chamabámoslle o “Folión do San Cibrao”….e claro que o era, foliada  de estrondo, luces, cores, tremores, entre enxeñosos trebellos de madeira cubertos de paquetes de pólvora, atados de mechas, rodas que prendidas dan voltas e reviravoltas de faiscas multicolores, afiando ilusións…e todos bocaaberta, apampados mirando ao ceo, á maxia do fogueteiro. Tradición pirotécnica minuciosamente descrito pola Pardo Bazán en “El Cisne de Vilamorta”, condesa escritora, a que, sen mesturarse coa algarabía festeira enxergaba aquel espectáculo dende o balcón da solemne mansión dos Quiroga ou, como ilustre convidada, dende o do Concello.

Festas, evasión, diciamos, a que nos anos da posguerra, quizais para esquecer, aínda foi máis acentuada e esmerada. Celebración, encontro maiúsculo, inversión para a oferta e na demanda, en canto significa o mellor que un e todos xuntos, case como tribo, podemos dar de si. Aínda organización patriarcal e programa de festas argallados por unha Comisión, formada por empresarios, armadanzas, mesmo por concelleiros e a certa supervisión e bendición dunha presidencial Alcaldía censora.  Repertorio de atraccións como xeito de seducir, que, previamente inclúen concurso de artísticos carteis de festas, aos que participan creadores locais e mesmo ourensáns, entre os que temos firmas como : Fumega, Felipe L. Lopez, Prego, Germán, Tudó, Arturo Corral… portada tamén para modélicos programas de man, todo un referente artístico e literario, a máis de xeito para sufragar as festas acudindo aos anunciantes. Poucos empresarios faltaban naquelas páxinas e uns comerciais tiraban polos outros: de plana enteira, de media, de un cuarto… Páxinas que serían impresas cun certo gracioso gusto curse, kitsch, nas que, nun certo desorde, alternando co cronograma festivo por días e horas, se ofrecen datos turísticos, abundantes os referidos ao Balneario, ao Parque, á Residencia, itinerarios turísticos e a aquela ilusión que parecía un castelo inacabado, realismo máxico feito arquitectura de pedra e artesáns canteiros, o templo da Veracruz. Información complementada coa de servicios oficiais, bancarios, medios de comunicación, comercias…

Festas Carballiño – 1952 – Cartel F. López

Iso si, na primeira páxina non faltaba o “Saúdo” do Alcalde, como un copia e pega de anos anteriores da declaración de intencións, pouco creativo en aquelo de ter en conta a presentes e a nostálxica lembranza dos ausentes, dos emigrantes…. Sumaban artigos e fotografías, debuxos de creadores locais, vellos e novos…páxinas que eran plataforma experimental para maiores encargos literarios ou artísticos. Asuntos festivos que os medios de comunicación complementan con suplementos especiais dedicados á vila.

Festa tamén das letras en programa aberto a escritores consagrados e novas promesas

Servidor poucas veces faltou a aquela chamada de participar neses programas, e veno facendo dende ben cedo, dende 1970. Era un honor e un estímulo estar en tal democrático convivio literario,  páxinas nas que tamén estaba a sabia elocuencia de Otero Pedrayo…Dan Ramón sempre disposto a  informar e formar naquilo de poñerlle  poesía, tradición, innovación, “espírito” galego a canto facía, con aquelas súas nostalxias: ollando ao lonxe o horizonte do Carballiño, dende a súa solaina de Trasalba. Il contaba que pola mañá ao erguerse e ao abrir as xanelas miraba cara á silueta de can deitado da Madanela… e baixo dela asomaban branqueciñas as casas e as grúas dun Carballiño alboreiro, insatisfeito en medrar… E pola noite, ao pechalas, ao despedíase do día coa mesma ollada, agora tintinexando ofrecíanse ao lonxe as luceciñas que dende Punxín, por Listanco arriba e Dacón marcaban a estrada… E nestas noites de setembro, o patriarca don  Ramón agardaba algo máis de tempo para enxergar dende aquel seu observatorio do universo o folión de luces dos foguetes, arremedando e floreando o Ceo:  Festas Maiores no Carballiño.

Festas Carballiño – 1959 – Cartel F. López

Páxinas do programa festivo que naqueles anos corenta aínda incluían nostalxias arredor de Calvo Sotelo, o deputado en Cortes nos anos da Restauración por estas terras, sumando artigos con información arqueolóxica e de gran amor á bisbarra de Florentino López Cuevillas, textos enxalzando a vila de  Angel Sevillano, de Lorenzo Garza, de Fumega Rodríguez… nos cincuenta os  tan informativos do ilustre secretario do concello, un dos animadores desta iniciativa de programas, os de Fariña Jamardo, que reclamaba firmas de colegas como a de Luis Moure Mariño, a do avogado local Nogueira Rumbao, do mestre Bernardino González… nos sesenta os  artigos daquela voz potente, oteropedraiana e que se dicía a “voz da montaña”, a do temido (polos seus alumnos por libre no Instituto de Ourense) profesor  Ogando Vázquez, os do veraneante coruñés Eduardo de Aspe Sanjurgo, do director da Coral de Ruada Manuel de Dios, de  Vidán… pouco despois e dende moi cedo os do impresncidible na historia cultural do Carballiño, Pepe Prada, sumando as perspectivas nostálxicas dun Benxámin Vázquez xa exercendo de xornalista en Compostela, os textos do sacerdote Enrique Bande, párroco en Xendive e Profesor no Corral, os  do arquitecto en Barcelona Dapena Alfonsín… e maís modernamente incorpóranse Aurelio Miras,  Manolo Celta, Xosé V. Fernández Viñal,  Pallón,  Ernesto Pilán, Cesáreo Sánchez, Pio Moa, dun televisivo Blanco Campaña, os do cineasta Chano Piñeiro , así como os de un Miguel Anxo Fernández, os de Carlos Rodriguez ou Xosé Luis Díz que, ademais de tomar parte na confección do programa, afondan na historia da vila, recuperan documentos gráficos e abren camiños nesta tradición festiva.

As grandes festas patronais dos anos do desenrrolismo

Os anos do twist, os do desenrrolismo – os dos alcaldes Javier Perea Rodríguez (1966-1977) e do seu sucesor no cargo Argimiro Marnotes Rodriguez (1977-1991), que supoñen importantes obras e mudas na vila, nos que non se soubo dicir que non – supuxeron tamén moitas incorporacións ás festas maiores, entre elas, no 1964 o nacemento dunha nova romaría o da Festa do Pulpo, a que tres anos depois se pasaría a agosto, así como concursos e actuacións de primeira fila.

  Páxinas nas que non faltan as colaboracións de colectivos en auxe en cada momento como a da Peña Nove, creadora de tantas iniciativas, no 1969 impulsora do Raille do Lacón ,que no 1972 dará paso á primeira subida á Saleta. A Sociedade de Pesca Arenteiro… un entón flamante Casino, dende 1969 as do Cine Clube, incluíndo as súas experiencias revitalizadoras da sétima arte e prolongando esa vida cinéfila na vila. Nos 80, Avantar, o Ballet Galego Eiras Nosas do recordado Marchena, Orballo coas súas xornadas de teatro, Orcellón, Outeiro

Festas Carballiño 1958 (Cartel FELIPE LÓPEZ)

Alborada de bombas de palenque, son de gaitas e repenique de campás

Programa festivo que normalmente acollía unha intensa semana: de sábado-domingo  a domingo, arredor do día 14 ao 19 de setembro no que finalizaba coa romaría da Saleta. Sobre o día 15 o Concurso Comarcal de Gando, que reunía aos mellores exemplares da comarca, vacas e touros engalanados con escarapelas, divisas, cintas de cores, desfile dos premiados e reparto de premios. Campionato de tenis, de halterofilia… Cimo da festa en  día especial que era o do  gran feirón do 16, seguido do 17, o do celebrado padroeiro San Cibrao, imaxe que seguida de todas as autoridades sae en procesión polas rúas da súa vila.

Xornadas de algarabía que o programa anunciaba e comezaban cunha “Alborada” de estrondo, o dunha ducia de foguetes, a un tempo que a campá do reloxo daba as nove e a da igrexa vella tanxía á misa… poucos minutos despois xa se escoitaba recorrendo as rúas o son agudo das gaitas grileiras, o bombo e o tamboril dos gaiteiros. Ás doce , como non, anunciábase a “sesión vermouth” e “paseo de moda”. Momentos animados polos gaiteiros agora acompañados dos cabezudos… e sempre me preocupou que asociaran os grotescos cabezudos coas gaitas… Máis atrás a seriedade das renomeadas bandas de música convidadas, A Lira de Ribadavía, a de Celanova, a dos Bombeiros Voluntarios de todo o Minho Potugués, sen faltar a do Carballiño,   desfilando con pasacalles e concerto final na praza. Momentos con música de fondo, para ver e ser vistos nas mesas exteriores dos cafés. Pois as festas eran os días das estreas, da roupa do inverno, zapatos, saias, pantalón e chaquetas novas…Nas casa non faltaba un xantar especial.

Pola tarde algún encontro especial: fútbol no campo de Espiñedo, ou pola rúa maior a inxenuidade dos xogos populares, cucañas, carreiras de sacos, tirar da corda, chave….e na tardiña os bailes que abrían ás verbenas ate altas horas da madrugada, nun ir e vir de xente, entre palcos de madeira instalados na rúa Mosquera, na Praza Maior, no Cruce de Arriba, parte do antigo Campo da Feira, agora Praza do Emigrante e na que, por espazo amplo era onde se concentraba a maior parte das atraccións, onde non faltaban as autopistas de cochiños eléctricos, Camarero, churrería Galiano, o Mañico de Cariñena, un moneco con cachirulo  enxebre atado na cabeza, con faixa roxa e cargado cun odre que vertía viño tinto sen cesar, como unha fonte de vida na que se cargaban os vasos dos clientes… as tómbolas, de tiro, de sorteos, os cabaliños, a casa do terror, algún tatriño… e nos meus tempos a Gran Jinkana Rusa, uns garridos e atrevidos motoristas, de acentos checos ou así, que nas súas concorridas sesión daban voltas e voltas subindo, arredor da parede dunha estrutura tubular, entre estrondo dos motores  fume e cheiro a gasoil… As festas do Carballiño eran palabras maiores. E a media noite o esperado folión…para seguir a verbena.

Colección de programas de Festas do Carballiño que gardo, entre outras lembranzas. Páxinas que expresan ben o panorama anímico, económico e social da vila. Sinto que non haxa unha biblioteca de asuntos locais que busque, recompoña o crebacabezas da historia dispersa, garde e ofreza á investigación aqueles programas, carteis, mesmo pasquíns, boletos…. Nunca é tarde si asumimos que o futuro, a orixinalidade. radica nas orixes.


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros ártigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “Algo sobre a emigración do Carballiño para o mundo”

Felipe Senén: “O Folión, os foguetes e os fogueteiros do Carballiño”

Felipe Senén:”Os eidos que abeiran o vello camiño das orixes, o de Flores a Señorín”

Felipe Senén:”Míticas curvas e reviravoltas nos vellos camiños do Carballiño”

Felipe Senén:”Miguel Anxo Fernández, o Carballiño e a súa aura como escritor e cinéfilo”

Felipe Senén:”O Carballiño e o reloxo de cuco do Balneario nas viaxes do escritor Alfonso Armada”

Felipe Senén:”A científica María Teresa Miras Portugal sempre na memoria do seu Carballiño”

Felipe Senén: Carlos A. Rodriguez e a súa novela sobre o galego “rei dos xíbaros”

Felipe Senén: “Xesús Carballido. Esoutra arte ou poética de argallar, pegar ou coser memoria”

Felipe Senén: “o Casino do Carballiño , a súa Festa da Mimosa e algo máis”

Felipe Senén: “Contos, medos, amuletos e santuarios das xentes do camiño”

Felipe Senén: “Felipe Senén: “A Rosa, a flor de Flores””

Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño