A Xunta aproba inicialmente o Plan Básico Municipal de Punxín

A Xunta avanza na súa aposta por un urbanismo responsable e sostible coa aprobación inicial do Plan Básico Municipal (PBM) de Punxín, unha ferramenta que se enmarca no obxectivo de que ningún concello galego estea sen planeamento urbanístico.

Logo de indicar que tras este trámite o seguinte paso será iniciar o procedemento de información pública e solicitar todos os informes preceptivos previos para a súa aprobación definitiva, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que os PBM son un aliciente para concellos de menos de 5.000 habitantes que, como é o caso de Punxín, se caracterizan por posuír un valioso patrimonio natural e cultural, e, ademais serven para impulsar un novo rural con actividades agrarias, gandeiras, forestais, tecnolóxicas, turísticas, culturais, etc.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, tal e como explicou Ángeles Vázquez durante a sinatura desta aprobación inicial, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, no caso concreto de Punxín, este PBM delimita un total de 32 núcleos rurais -12 tradicionais, 4 comúns e 16 combinan ambas partes-.

Ademais, esta ferramenta urbanística tamén cataloga un total de 170 elementos do patrimonio natural e cultural do municipio, dos que 24 son arqueolóxicos, 27 arquitectónicos e 119 etnolóxicos.

Ángeles Vázquez incidiu en que o obxectivo xeral destes plans básicos municipais é acadar un uso racional do territorio e a protección dos seus valores naturais e patrimoniais. Trátase, polo tanto, dun documento moi respectuoso e dunha ferramenta necesaria para os veciños que viven en Punxín e para quen queira investir neste municipio ao garantir o desenvolvemento dun urbanismo responsable.

Na actualidade, catro concellos galegos xa contan cun Plan Básico Municipal logo da aprobación dos de Riotorto, Trabada, Ribeira de Piquín e O Páramo. Segundo explicou a vicepresidenta segunda, na actualidade a Xunta está a traballar noutros 20 PBM, dos que 7 se atopan na última fase de tramitación -fase na que está Punxín-, 7 están en avaliación ambiental e 6 están elaborando a cartografía necesaria.