Marina Ortega acusa ao Goberno galego de fallarlle ás persoas maiores

O GRUPO SOCIALISTA ACUSA AO GOBERNO GALEGO DE “FALLARLLE ÁS PERSOAS MAIORES” AO NEGARSE A INVESTIGAR AS DENUNCIAS DE CHIVATAZOS DAS INSPECCIÓNS A ALGUNHAS RESIDENCIAS

Marina Ortega advirte que a negativa a investigar supón que “a conselleira estase autodelatando” e alerta que de confirmarse “non pode seguir un minuto máis no cargo”

AVANTAR ACTIVIDADES

 A portavoz de Política Social, Marina Ortega, lamentou a falla de empatía da Consellería de Política Social, que “están fallando ás persoas maiores que o deron todo” ao negarse a investigar as denuncias de posibles chivatazos das datas de inspección a algunhas residencias. Ortega presentou unha moción na que tamén pedía garantir a confidencialidade das inspeccións, pero que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista reclamara unha investigación exhaustiva sobre o funcionamento do sistema de inspección, volver ao método de traballo que garantía a confidencialidade das visitas dos inspectores e incrementar de forma significativa o persoal deste servizo. Lembrou que Galicia é hoxe unha das comunidades autónomas co maior número de prazas privatizadas e a menor porcentaxe de técnicos de inspección para supervisar as residencias de maiores.

Ortega advertiu que a negativa da conselleira a investigar estes casos “supón que se está autodelatando”, e subliñou que de demostrarse a titular de Política Social “non pode seguir un minuto máis no cargo”.

A parlamentaria socialista presentou esta moción logo de que a conselleira de Política Social respondera das denuncias de chivatazos “cun ataque, acusando aos funcionarios da inspección da Xunta de mentir”, intentando “taparlle a boca aos inspectores, ás traballadoras das residencias, aos familiares dos usuarios e aos representantes da cidadanía que demandamos que se investigue”.

Lembrou que foron os propios inspectores os que responsabilizaron destes chivatazos a altos cargos de Política Social e á propia conselleira, que “quérenos facer parvos e intentarnos colar que os inspectores se autoinculpan para ela saír de rositas”.

A parlamentaria socialista criticou que a conselleira anunciara “as actuacións correspondentes e as medidas necesarias” para depurar responsabilidades, pero “sen dicir a que medidas se refire nin que responsabilidades queren depurar”, e a acusou de ofrecer “unha masterclass de como falar durante 10 minutos sen dicir nada concreto”.

Finalmente, Ortega reclamoulle á Consellería de Política Social que entregue no Parlamento as contestacións das reclamacións presentadas polas familias durante os dous últimos anos, logo de que a conselleira asegurara que as reclamacións son investigadas, pero omitindo que “moitas contestacións quedaron sen responder”

Incremento de persoal

A proposta socialista incluía ademais incrementar significativamente o número de profesionais das residencias, mellorando as condicións laborais, ademais de crear centros públicos de xestión directa específicos e multidisciplinares para residentes menores de 65 anos con patoloxías psiquiátricas ou adiccións.

Marina Ortega trasladou esta petición logo de constatar a “barbaridade” da Xunta de xuntar nas residencias aos maiores con xente nova con patoloxías psiquiátricas e necesidade de tratamento por drogodependencia.