O grupo municipal socialista pedirá que se prohiba a publicidade que promova a prostitución e que se estreite a colaboración coas entidades que asisten a vítimas de explotación sexual ou trata

Prostitución e trata con fins de explotación sexual non se poden disociar. Son dúas caras dunha mesma realidade”, afirman os e as socialistas do Concello de Ourense na moción rexistrada para defender no pleno ordinario de novembro

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén reclaman aumentar e profundizar nas campañas de sensibilización orientadas a concienciar sobre as consecuencias da explotación sexual e a responsabilidade dos comportamentos individuais de quen acode a ela

Ourense, 28 de outubro de 2023. O grupo municipal socialista defenderá, na sesión plenaria ordinaria de novembro, unha moción para que o Concello de Ourense revise as licenzas de locais para evitar que se promova a explotación sexual e que se prohíba, mediante ordenanzas, a colocación ou difusión de publicidade que incite a consumir prostitución ou ao turismo sexual, entre outras medidas.

“Prostitución e trata con fins de explotación sexual non se poden disociar. Son dúas caras dunha mesma realidade, que no Estado presenta datos absolutamente inasumibles: España é o país europeo con maior demanda de prostitución e o terceiro do mundo; case o 40% dos homes pagaron nalgunha ocasión por manter relacións sexuais, e é tamén un dos principais destinos de tráfico de mulleres para prostituílas” destaca a iniciativa xa rexistrada.

Nesta liña -e con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos (23 de setembro) e do Día Internacional para á eliminación da violencia contra as mulleres, (25N)- tamén reclaman os e as socialistas que Ourense se adhira á rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á estas prácticas.

“Asumimos que, desde os nosos ámbitos competenciais, debemos seguir traballando para dotar de recursos e garantías ás mulleres, nenas e nenos vítimas de explotación sexual”, sinalan no texto. E engaden que é preciso recoñecer o traballo de organizacións que as localizan e as axudan a ter acceso á xustiza, á saúde e á asistencia e protección social, evitando que se produzan máis actos de abuso.

Por este motivo, esixen entre os acordos plenarios a aprobar que se estreite a colaboración cos colectivos que prestan servicios de asistencia ás vítimas de explotación sexual e que se impulse unha estrutura de apoio multidisciplinar para as mulleres, nenas e nenos que caen nestas redes.

Aumentar e profundizar nas campañas de sensibilización orientadas a concienciar sobre as consecuencias da explotación sexual e a responsabilidade dos comportamentos individuais de quen acode a ela é outro dos obxectivos dos e das socialistas ao presentar esta iniciativa que se debaterá o vindeiro venres.

“Como se explicitou xa nunha moción anterior sobre este tema, no ano 2022, a liberdade e a igualdade son incompatibles coa prostitución, unha das formas máis crueis nas que se manifesta a violencia de xénero que está relacionada coa marxinación, a dificultade económica e a cultura sexista e patriarcal”, lembran.