A Deputación e Sogama afianzan a súa cooperación en materia de análise das dotacións de infraestruturas públicas para a compostaxe da materia orgánica

Reunión con Sogama.- O presidente provincial, Luis Menor, reúnese na Deputación co presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, acompañado de Victoria Núñez López (Xefe Territorial de Medio Ambiente da Xunta de Galicia) e Javier Bobe Vázquez (Xefe da Area de Medio Ambiente da Deputación Ourense).

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu esta mañá na Deputación ao presidente de Sogama, Javier Domínguez e á xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense, Victoria Núñez, onde mantiveron unha reunión de traballo a fin de analizar conxuntamente a dotación de infraestruturas públicas para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono de alta calidade para o solo. “Agradecemos a excelente disposición de Sogama a cooperar coa Deputación coa fin de prestar os mellores servizos aos municipios da nosa provincia”, sinalou Menor. De feito, Domínguez Lino ofreceu ao presidente provincial colaborar nas campañas de formación e concienciación relativas á recollida separada da materia orgánica, tanto no eido da compostaxe doméstica coma no industrial, impartindo charlas, talleres e cursos.  

Naquelas localidades rurais, cunha gran dispersión da poboación como é o caso da meirande parte dos municipios da provincia, a autoxestión da materia orgánica xogará un papel relevante. De feito, un total de 105 entidades da provincia (86 concellos e 19 centros educativos) están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal se repartiron, en colaboración coa Deputación de Ourense e tamén de forma directa por parte da empresa, un total de 3.193 composteiros.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Conforme á lexislación europea vixente, os concellos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica e, malia que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia habilitou na provincia tres instalacións para axudar aos entes locais a cumprir coas esixencias da normativa.  

Pranta de biorresiduos de Verín 

No encontro quedou de manifiesto que a provincia dispón dunha planta de biorresiduos na localidade de Verín (polígono industrial de Pazos), que xa se atopa ao dispor dos 22 concellos da súa área de influencia, cunha poboación de 48.000 habitantes, así como de dúas plantas de transferencia de apoio (San Cibrao das Viñas e A Rúa) ás que se dotou dunha tolva específica para transvasar a fracción orgánica contida nos residuos para ser transportada posteriormente á planta de tratamento.  

Estímase que a instalación de Verín, con capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, producirá da orde de 1.500 toneladas anuais de compost, que se utilizará no sector da agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.  

A planta está equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo desta forma unha operativa totalmente respectuosa co medio ambiente e a saúde. Así mesmo, é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables, concretamente con enerxía solar fotovoltaica.